A Xunta estende a moratoria para a
descarga dos carteis co límite de capacidade dos locais e do código QR
para o rastrexo de posibles contaxios da Covid-19 co fin de que os
hostaleiros poidan adaptarse á nova normativa e á posta en marcha dun
Plan de hostalería segura que permita compatibilizar a actividade no
sector coas normas sanitarias.
Tendo en conta as novidades que
presenta esta normativa, coa obtención dunhas ferramentas que é
necesario descargar da web Turespazo e a disposición ao público dun
código QR novo para boa parte do sector, acordouse a prórroga da súa
entrada en vigor ata o venres 12 de marzo ás 00.00 horas.
Amplíase así a
moratoria destas dúas medidas incluídas no Plan da hostalería segura,
en vigor desde o pasado 26 de febreiro.
A Xunta recorda que as
demais medidas decretadas para a reapertura segura da hostalería son de
obrigado cumprimento desde que entraron en vigor o pasado 26 de
febreiro.
Así, deberá respectarse o límite de capacidade permitida,
sobre todo nas terrazas, nas que non poderá superar o 50% do total,
ademais dos horarios de apertura e peche, a distancia de seguridade, o
uso de máscara e, en definitiva, todas as medidas que figuran na orde do
25 de febreiro do 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias
para a posta en marcha do Plan de hostalería segura en Galicia.
As
visitas masivas á páxina web para a descarga das ferramentas, para a
obtención do código QR ou para facer consultas provocaron nas últimas
horas algúns problemas técnicos que xa están resoltos. Por outra banda,
leváronse a cabo actuacións de reforzo no servizo, de tal modo que o uso
da plataforma está xa estabilizado.
Ademais das vantaxes que
supón para obter as ferramentas esixidas no Plan de hostalería segura,
Turespazo é a porta de entrada para empresas e profesionais dados de
alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas, de aí a
necesidade de xeneralizar o seu uso.
Link: Xunta de Galicia