O pleno da corporación de Cedeira deu
onte luz verde, nunha sesión extraordinaria celebrada telematicamente,
ao orzamento de 2021, que ascende a 6.315.212,13€ e representa un
incremento, respecto ao anterior, dun 0,25%. O presuposto recibiu o voto
a favor do PSOE, a abstención do BNG e o voto en contra do PP. O
alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou destas contas “que reflicten a
nosa vontade de estar preto da cidadanía e apoiar ás familias e ás
empresas que o precisan nestes tempos complicados”.
O alcalde destacou que os fondos
destinados a servizos sociais ascenden este ano a 1.080.000€, de xeito
que se incrementa de novo neste exercicio o esforzo do goberno local
neste eido.
O orzamento reserva tamén unha partida de 70.000€ para
cumprir o compromiso de facer unha nova convocatoria de axudas directas
para as empresas e autónomos e contribuír a paliar os efectos da crise
sanitaria.
O Concello de Cedeira renova neste
orzamento o seu compromiso co tecido asociativo da vila. Así, están
contempladas as subvencións nominativas á Escola de Música Vila de
Cedeira, asociación ecuestre A Crina, asociación Mares, Amigos dos Ríos,
Banda de Música, as ANPAs Picapeixe e O Beco, a asociación San Andrés
de Teixido, Protección Civil, Cruz Roja, ANPA de Apader, Sobre Rodas e
ABAC, entidades ás que desde o goberno se quere recoñecer o seu
importante traballo, fundamental na dinamización da vida social e
cultural da localidade.
Inclúense nas contas tamén, con partidas que
suman 42.000€, as convocatorias que fai cada ano o Concello en réxime de
concorrencia competitiva para actividades e entidades deportivas e
culturais.
Segundo explicou o alcalde, a evolución
da pandemia determinará, máis adiante, se o Concello pode organizar as
actividades de tipo deportivo e cultural que se suspenderon a raíz do
covid.19. Puntualizou, con todo, que aínda que as partidas de gastos non
estean concretadas no orzamento, o goberno local tivo en conta estas
circunstancias e dispón dos fondos que no seu caso poderían destinarse a
poñelas en marcha.
O capítulo de investimentos está dotado
neste ano 2021 con 1.159.849,33€, cos que se van levar a cabo, entre
outros, os seguintes proxectos:
- Rehabilitación estrutural e do pavimento do anel vermello da Praza Roxa.
- Consolidación e reparación da cuberta dos escolares de Saa e Silsalde Maior.
- Conservación do firme na Avenida de España e o camiño Pitilleira.
- Reforma integral da Praza de Galicia.
- Mellora de beirarrúas na Avenida de España, Rúa Ponte Nova e outras.
- Ampliación do saneamento nas Pontigas.
- Pista de skate e tirolina no Parque Camiño Real da Madalena.
Neste mesmo capítulo de investimentos,
cómpre sinalar que o Concello reserva fondos para unha nova campaña de
escavación arqueolóxica no Sarridal, así como para proseguir co plan de
recuperación de fontes e lavadoiros e para diferentes actuacións de
mellora medioambiental, como a compra e plantación de árbores ou a
mellora da eficiencia enerxética.
Están tamén previstos, para este
exercicio 2021, a execución dos primeiros orzamentos participativos da
historia de Cedeira, cunha partida de 20.000€. O seu destino será
decidido, a través dun proceso que xa está en marcha, polos alumnos e
alumnas de 4º da ESO do IES de Cedeira.
Moreda Gil amosou a súa satisfacción
pola aprobación do novo orzamento, ferramenta básica para proseguir co
proxecto social e de progreso do goberno local, e apuntou que coa
liquidación do presuposto de 2020 e á vista dos remanentes poderán
acometerse outras actuacións que non tiveron cabida neste proxecto
contable.
Link: Concello de Cedeira