Trenor informa da convocatoria, a partir de mañá, da liña de axudas para hosteleiros e outros negocios pechados con 15 M€
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo
esta mañá un encontro cos representantes da Asociación de Hostaleiros de
Ferrol e Comarca para informar que mañá publicarase no Diario Oficial
de Galicia (DOG) a orde de axudas para a hostalería e sectores
paralizados polas restricións sanitarias implantadas no mes de xaneiro
para facer fronte á covid-19. Esta segunda liña de apoios conta con 15
millóns de euros.
Esta convocatoria únese á aberta o pasado venres
de axudas dirixidas a autónomos e microempresas, que contan cun
orzamento de 60 millóns de euros e que estarán abertas ata ata o
próximo 18 de marzo. En concreto, os apoios serán de 1.500 a 3.000 euros
para autónomos, de 1.900 a 3.700 para hostaleiros e outras actividades
pechadas e de 4.000 a 9.000 para microempresas. En global, a Xunta porá a
disposición dos sectores máis afectados pola pandemia 75 millóns de
euros que se suman aos 86,2 millóns do primeiro Plan. Deste xeito, o
Goberno galego mobilizou en catro meses, máis de 161 millóns.
Trenor puxo en valor a axilidade coa que se aprobou este segundo Plan
de Rescate e lembrou que co primeiro a Xunta pagou en tempo récord
33.605 axudas por un importe de 69 millóns de euros. Preto do 60%
dirixíronxe ao sector da hostalaría (19.998), que percibiu, deste xeito,
38,8 millóns de euros. Na cidade da Coruña aboáronse 3.075 axudas por
valor de 6,2 millóns de euros: 2.048 apoios recaeron no sector da
hostalería no que se investiron catro millóns de euros. Na provincia
coruñesa concedéronse 12.864 axudas a autónomos, microempresas e
establecementos hostaleiros sumando o orzamento máis de 26,2 millóns. Á
hostalería, en concreto, dedicáronse 15 millóns de euros para 7.814
axudas.
Requisitos do segundo Plan
Para acceder aos apoios
do segundo Plan de Rescate deberanse acreditar baixadas de facturación
en 2020 de polo menos o 45% fronte aos datos de 2019. Coa iniciativa
preténdese contribuír ao mantemento da actividade económica e do emprego
dos sectores que peor o están pasando. Por este motivo elimináronse
requisitos respecto do primeiro plan. Aos autónomos non se lles pedirá
acreditar prestación por cese de actividade e, no caso das microempresas
non terán que ter ou ter tido ERTE desde o inicio da pandemia.
Todas
as axudas do segundo Plan de Rescate son complementarias e acumulables
ata un máximo de 15.700 euros por negocio, e compatibles cos importes
recibidos no primeiro plan. Deste xeito, un negocio que se beneficie de
ambos programas poderá percibir en catro meses axudas que van dun mínimo
de 3.400 euros ata un un máximo de 24.200 euros. A tramitación dos
novos apoios realizarase unha vez máis de xeito áxil, con pouca
burocracia, o que permitirá que os primeiros pagos cheguen en cuestión
de días, antes incluso de que remate o prazo de solicitude, como ocorreu
co primeiro plan.
Como novidade, o Goberno galego, por mor da
situación económica da covid-19, e como excepción, permitirá que poidan
acceder ás axudas as empresarias e empresarios que teñan contraído
pequenas débedas coas administracións públicas (tributarias ou coa
Seguridade Social). Nestes casos, a débeda non poderá superar o 80% da
axuda a percibir e as persoas beneficiarias deben comprometerse a
saldalas e comunicalo no prazo de quince días. Os empresarios que
estean ao corrente, percibirán a totalidade da axuda nun único pago.
Deste xeito, a Xunta responde ás peticións formuladas polos diferentes
sectores afectados. Trátase dunha medida excepcional tendo en conta a
situación actual, que facilita o acceso ás axudas públicas a negocios
con pequenas débedas coa Administración, sen prexuízo de que teñan que
cumprir coas súas obrigas tributarias e coa seguridade social.
Os
empresarios que teñan dúbidas teñen a súa disposición a aplicación móbil
(app) Gohu, a liña de teléfono 900 815 600 e a conta de correo
electrónico hola@gohu.es , diversos canles a través dos que a
Consellería de Emprego e Igualdade está a informar das novidades do
Plan. Ademais, as bases da convocatoria poden consultarse a través da
web do departamento autonómico: https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/plan-de-rescate.
Link: Xunta de Galicia