ASUNTO: COMUNICADO POR UN GOBERNO PROGRESISTA, SOCIAL E GALEGUISTA
Cedeira votou o pasado 24 de maio polo cambio nas institucións locais. A veciñanza quere cercania e humildade frente á prepotencia e malas formas do pasado. Quere que o seu goberno se mova para construir un tecido productivo capaz de darlle traballo. A cidadania votou por políticas limpas, sen corrupción onde os méritos e a libre concurrencia sexa valorada por riba de amaños e enchufismos.
Cedeira quere recibir servicios que garantan a súa saúde, ensinanza e a calidade de vida nun marco de recoñecemento profundo da súa cultura galega. A maioría depositou nos grupos alternativos ao PP as súas aspiracións de goberno para os próximos catro anos, ANOVA con 513 votos, BNG con 525 e PSdeG-‐PSOE con 872.
Os socialistas sentímonos na obriga de propoñerlle á nova corporación a nosa candidatura para dirixir o goberno local de Cedeira. Facer deixación desta realidade sería non respectar ao noso electorado e ninguén nos pode pedir isto. Interpretamos o sentido do voto cedeirés como unha chamada ao pacto, acordo e consenso onde a vontade popular sexa respectada. Somos quen de crear as condicións para que cada grupo se atope a gusto para desenvolver un traballo que, ainda que apaixonante, antóxasenos duro e complicado.
Aceptaremos con gusto as pretensións do BNG e ANOVA para que desenvolvan o labor para o que mais preparados se sintan. Por último, facemos un chamamento á responsabilidade e á coherencia, para que esta oportunidade manifestada de forma explícita pola cidadania non se malogre.
Noticias filtradas polo PP sobre a solicitude realizada por Teodoro Moreda, antiguo presidente da empresa para a que traballaba o noso candidato Pablo Moreda Gil, solicitando o cambio do uso dunha parcela, pasándoo de residencial a terciario, non son en absoluto inocentes, cicáis responden mais a desviar a atención sobre os descomunais informes de reparo que fai o servicio de intervención do Concello de Cedeira e onde hai consideracións moi graves, non so laborais senon tamén reglamentarias, contractuais e econômicas, e onde o Sr. Luis Rubido non responde a ningunha delas..
Nin son parentes, nin os une desde fai tempo relación laboral algunha. Ningunha das dúas cousas serían motivo de recriminación, pero as cousas son como son. Nin Teodoro Moreda solicita ilícito ningún, ainda que a casualidade sorpréndenos, nin ser promotor é motivo de escarnio. Tampouco ser familiar dun constructor merece reproche social, nin traballar para unha constructora é motivo de vergoña. Pero ainda que o xerente da nosa empresa fose un delincuente e o noso pai un requeté, nada malo poderia dicirse de nós.
A comisión da Executiva da Agrupación Socialista de Cedeira frente ás malas intencións que seguirán chovendo, pedímoslle a quen nos representará na futura corporación cedeiresa que, contra a maledicencia responda unicamente con proxectos e traballo e non se deixe embarrar en lama ningunha.
. O labor que queda por diante é tan apaixoante e esixe tan altas miras que non debemos deixarnos entreter en miserias alleas. Centos de persoas teñen as súas esperanzas de cambio postas nos partidos de progreso e sabemos que cada quen saberá estar á altura.
Manuel Pérez Riola, Secretario Xeral
En Cedeira, a 7 de xuño de 2015
Lino: PSDeG-PSOE Cedeira