Os interesados en participar poden presentar as súas imaxes ata o 30 de marzo.
Os mellores traballos formarán parte dunha exposición colectiva no Palacete.
O Concello anunciou esta mañá a convocatoria do I Concurso de Fotografía Vila de Cedeira. Organizado pola Concellería de Cultura, o certame busca promocionar e divulgar os recursos naturais, o patrimonio arquitectónico, a riqueza cultural e as tradicións da Vila de Cedeira a través da imaxe que dela teñen os seus veciños e veciñas ou visitantes. Deste xeito, no mesmo poderán participar tanto profesionais da imaxe como afeccionados á fotografía. ¿Temática? A Vila de Cedeira nas súas diferentes vertentes: arquitectura, recursos naturais, monumentos, celebracións tradicionais, citas culturais... Así mesmo, cada participante poderá achegar un máximo de dúas fotografías, que deberán presentar en soporte dixital (cor ou branco e negro) a través do enderezo electrónico concursovilacedeira@vilacedeira.es. As imaxes presentadas poden ser orixinais e inéditas ou aquelas que formen parte do arquivo persoal do participante. Porén non se admitirán obras cuxos dereitos de autor poidan estar comprometidos con terceiros.
© 2013 Concello de Cedeira
A Concellería de Cultura avanza que o prazo de admisión dos traballos
manterase aberto ata o vindeiro 30 de marzo. Unha vez expire,
constituirase o xurado, que estará formado polo Alcalde de Cedeira ou
persoa na que delegue, o concelleiro de Cultura ou persoa na que delegue
e representantes das asociación da vila. A súa decisión farase pública
na páxina web do Concello e as obras presentadas serán expostas no
Palacete Municipal.
O gañador do certame recibirá
unha reproducción da imaxe en grande formato e un premio en metálico de
200 euros. E, por último, o Concello avanza que a entrega do premio terá
lugar no marco do acto de inauguración da exposición colectiva.
As bases poden consultarse en www.concellocedeira.es.
Saúdos, Gabinete de Comunicación
Link: Concello de Cedeira