O Auditorio Municipal de Cedeira acolle este sábado a obra teatral “A rúa do inferno”
© 2013 - Concello de Cedeira
A representación, a cargo do grupo Axóuxere, inaugura o
ciclo “Comediatrium”. A obra comezará ás 20 horas con entradas ao prezo
único de 2,5 euros
O ciclo de teatro afeccionado “Comediatrium” arrancará este sábado coa peza teatral “A rúa do inferno”, a cargo do grupo Axóuxere. A representación terá lugar no Auditorio Municipal, con hora de inicio fixada para as oito da tarde. O prezo das entradas é único, de 2,5 euros. “A rúa do inferno” é a adaptación dun texto do dramaturgo sevillano Antonio Onetti. Unha divertida comedia con mensaxe na que as tres traballadoras dun supermercado se presentan a un concurso para gañar 6.000 euros. Pero hai un problema, só poden bailar dúas e elas son tres. Ante este conflicto xurdirán as verdadeiras personalidades das tres amigas. A obra, que se estreaba no Teatro Colón da Coruña, está dirixida por Alejando Albaiceta e interpretada por Paula Suárez, Nanda Tasende e Loly González. Axóuxere Teatro é un proxecto composto por quince persoas con idades comprendidas entre os 30 e os 70 anos que comparten unha mesma paixón polo teatro. A compañía, creada en Oleiros no ano 2008, regresará a Cedeira en marzo, o día 9, con outra das súas representacións: “A túa tenrura Molotov”. Nela, unha parella de éxito, el avogado ela presentadora, reciben un paquete do extranxeiro que vai cambiar radicalmente as súas vidas. É unha comedia sobre os prexuízos e a doble moral.
Link: Concello de Cedeira