 |
Menú |  |
Online |  |
Actualmente hay 51 invitados, 0 miembro(s) conectado(s).
Eres un usuario anónimo. Puedes registrarte aquí | |
Información |  |
|  |
 | Cedeira: Máis computadores na biblioteca, depende |
Un artigo de Gabriel Beceiro publicado no OLLAPARO.
" O
concelleiro Rubido promete máis computadoras para a Biblioteca López
Cortón que seica con seis había poucas. Sempre queda ben para
acontentar conciencias alegar dende unha concellaría que as
intervencións se fan para satisfacer a demandas e necesidades dos
cidadáns. Acontece que a Biblioteca municipal de Cedeira hai moito,
moito tempo que non resposta ás necesidades obxectivas – repito,
obxectivas- dunha unidade de información que debe atender a unha
poboación de 7000 habitantes, envellecida e ubicada nunha zona de
dificil acceso. No ano e medio que asumin a dirección da biblioteca
tiven que defrontar as eivas da falta de mantenimento do edificio
durante décadas: graves filtracións no tellado que houbo que arranxar de
urxencia e unha estructural falta de aillamento con efectos visibles
nos materiais e na confortabilidade. Os obxectivos da Biblioteca non
conservan a súa validez, e non podia ser doutro modo cando o contexto e
as ferramentas foron mudando e non sirven para dar continuidade a un
servizo do que se descoñece a visión, os obxectivos programáticos e se
as decisións se basan nun estudo de usuarios ou en necesidades alleas ao
ámbito social e ás que lle son próprias ao sistema de lectura.
Porén, antes de avanzar, cómpre expor
aluns elementos que axuden a entender a organización da cultura escrita:
a) sistemas de clasificación, b) canon de lecturas universalmente
aceptado, c) hábitos e prácticas de utilización da lectura próprios do
espazo bibliotecario.
Que os tres aspectos pasen hogano por un
proceso de revisión son tema próprio das institucións científicas dos
profesionais da biblioteconomía. Mais, para o caso, partindo de que é o
servizo ao lector quen ocupa a posición central na definición dos
obxectivos da biblioteca pública (por diante do servizo ao libro)
cómpre irmos alén da evidencia de que a función das bibliotecas mudou
radicalmente e non deixarnos seducir, de momento, polo papanatismo
cibernético, acrítico e descontextualizado que pensa que onde pon un
computador pon a solución. Facilitar o acceso a computadores conectados
a internet ou convertir a biblioteca pública nun centro de
documentación e de recursos para á comunidade ou nun centro 3.0 é algo
óbvio hoxe en día, podendo servir para unha biblioteca pública
adecuada ao presente e serviren de base para o futuro. Mais algúns
dubidamos diso: non abonda co cebo de ofrecer PCs e internet.
Sabido é que para reunirse, acceder a
internet ou para informar a desempregados ou xubilados hai outras
alternativas de servizo, xa que logo, cómpre non desleixar nen esquecer
que a función social e cultural da biblioteca é o acceso á libro físico,
a súa catalogación e conservación …e partires daquí o que se queira.
Estanse a perder librarias e o monopolio da venda e da dixitalización da
cultura do libro (Google,etc) poñen en risco o sector editorial
minorista de noso moito máis do que as bibliotecas. E de momento,
fronte aos dictames apocalípticos e os integrados, seica ainda hai
indicios de que a xente sigue querendo ler en papel, cómpre axir con
siso adecuando necesidades e recursos sen perder de vista a nosa
contorna. O compromiso fundamental da biblioteca pública galega coa
nosa cultura en todas as súas formas de expresión (editoriais, selos
discográficos,etc) é, de feito, a defensa afouta pola superviviencia dun
dos poucos servizos públicos que garante o acceso igualitario á
información e a cultura.
Por tanto, tan perigoso é crear unha
colección de libros só en función da demanda do público (córrese o risco
de derivar a colección cara unha lectura de éxito, submetida ao impacto
mediático e ao supremacismo do español fronte aos productos da cultura
de noso) como problemático é reducir a oferta a unha función pedagóxica
de acceso ás grandes obras da cultura, derivando a colección cara unha
cultura de elite. Entre medias, o papanatismo acrítico que percebe na
internet a resposta ás disparidades de acceso á cultura e ao
coñecemento. Xa que logo, cómo reforzar e delimitar o espazo
bibliotecario e o servizo de lectura pública acorde ao impacto das
novas tecnoloxías (e-books, a imposición de licenzas de un só uso que
costan tres veces máis cá o libro en papel, etc) sen desvirtuar a
función primeira da biblioteca comprando e ofrecendo aire?.
O
feito de que Cedeira teña unha biblioteca dende finais dos setenta non
significa que os mandatarios locais acrediten no papel da biblioteca na
vila. A de Cedeira, por exemplo, sigue sen ser unha
unidade de xestión que lle permita desenvolver os seus fondos
documentais con autonomía e carece de accesos axeitados a persoas con
problemas de mobilidade. Por tanto, tanto a xestión como a ubicación
son un problema prévio non resolto. Houbo oportunidade de mudar a súa
ubicación a outra máis accesibel e condicionada no intre en que se
crearon novos equipamentos (plantas superiores do Auditorio, por
exemplo) con emprazamento e instalacións máis axeitadas á maior
densidade de poboación e aos novos usos e demandas (acceso a terminais
de internet nunha contorna no que destaca a fenda dixital, a baixa
porcentaxe de accesos a internet dende os fogares e unha insuficiente
alfabetización informacional). Ainda que é condición necesaria, coa
extensión dos horarios ás veces non abonda (por qué non os domingos?):
pola súa ubicación e invisibilización perante sectores importante de
poboación, a biblioteca municipal non se percibe, por exemplo, como
lugar no que ler o xornal porque non se fomenta nen está accesibel a un
treito de poboación receptiva a este servizo, maiormente as persoas
retiradas.
Acontece, porén, que para moitos políticos a función da biblioteca redúcese a Internet, pensando que coa Rede todo o mundo pode saber de todo.
Todos sabemos que na práctica non é así: facede unha pesquisa e veredes
que, para alén das habelencias informacionais e culturais, os
resultados non son sempre tan bos como pensabamos que serían (páxinas
comerciais ou inútiles, informacións erradas, etc). Supoño que a estas
alturas o señor concelleiro de Cultura xa debería saber que a
información que fornece Internet non é necesariamente a millor. Hai
formas alternativas, mesmo millores, de achar información. Depende,
madía leva, tanto dos fondos bibliotecarios (actualización,
subscricións,etc) como das competencias dos profesionais bibliotecarios e
da consideración social que o biblioteario/a soubera ir labrando a base
de compromiso coa realidade social, educativa, cultural e idiomática da
contorna, a través de cursos de formación, clases para adultos, ALFIN
(alfabetización informacional), ou de galego para quen non o saiba ou
quera milloralo, exposicións de fondos que axuden a visibilizar a
biblioteca, clases para completar os estudos que se abandonaron,
graduado escolar, facer un curriculum, preencher un formulario, etc.
Cousas básicas que axuden á xente a axir por si mesmos. Se o que se
precisa é un centro de recursos para a aprendizaxe a formación cómpre
habilitar instalacións e facelo de xeito estratéxico e programado e non
como resultado da barafunda e a deturpación progresiva dos servizos
bibliotecarios.
Mália a súa redución (sobre todo
apartires do desenvolvimento do PEGSI), a fenda dixital xunto coa
dificil conciliación de traballo e familia teñen servido á progresiva
colonización da biblioteca para usos non previstos que acabaron
condicionar a biblioteca como espazo para faceren os deberes os miúdos e
non como espazo interxeracional, neutral e aberto a todo o mundo. Iso é
bó, máis non sempre, depende. Por qué? Depende da ubicación e da
cantidade de espazo dispoñibel, das instalacións existentes, dos
sistemas de seguridade, dos equipamentos e dos recursos humans, ao
cabo, de poder facerse cargo das expectativas xeneradas. Mais unha
cousa, un servizo bibliotecario non ten porque ter unha única ubicación
física, poderíanse habilitar puntos de lectura ou de servizo
complementares distribuidos noutras instalacións dentro dun sistema
bibliotecario ou de lectura pública municipal, o fundamental tería sido
aliñar obxectivos e programas dende a área de cultura do Concello
dicíndolle á xente: «preocupámosnos por vós, podedes vir a resolver as
vosas necesidades á biblioteca». Claro é para iso precísase vontade,
visión, actitude e formación continuada dos profesionais. Hai algo que
impida xerar ocupación, por exemplo, pagando a xoves ou adolescentes
nativos dixitais para que aprendan aos nosos vellos ou máis xoves, como
utilizar Internet e o web?
Outras das actividades podería ser
asumir plenamente o feito da colonización do espazo bibliotecario por
nenos que saen da escola para alí facer os deberes ou que alí os deixan
os pais como se fose unha extensión da escola ou unha gardería.
Trataríase de habilitar programas de voluntariado ou de banco de tempo
para axudar aos nenos cos seus deberes no canto de deixar que por
desleixo a biblioteca se convirta noutra cousa. Mais isto é o que
estivo a acontecer, devir un contentor de miúdos cando a biblioteca non
ten recursos para facelo. O resultado é unha biblioteca deturpada que
non pode desenvolver outros servizos dirixidos a outras tipoloxías de
usuario. O mesmo pode acontecer se a aula de informática acaba por colonizar o espazo e os servizos bibliotecarios.
Dispón a biblioteca de espazos e instalacións axeitadas para acoller unha aula de informática?
Qué impacto terá a creación dunha aula de informática nunha Biblioteca
como a López Cortón que xa conta con seis computadoras e que padece
dunha endémica e estructural falta de espazo para acoller as coleccións
existentes ( non hai depósito, os fondos expóñense ao acceso directo,
dificultando o medre de fondos documentais).
Un exemplo é a denominada zona infantil,
colonizada por computadores que impiden o acceso aos andeis, con
mobles inadequados e pouco confortables, en fin, sen perspectivas de
acondicionamento para o uso que se supón se lle ten que dar: un
acollimento confortabel que facilite o tránsito á lectura dos miúdos e
miúdas e contribua a integrar aos nenos na cultura do país e non a
crear estranos que non teñan contacto ningún con Fernández Paz, Marilar
Alexandre ou Neira Vilas e acaben lendo as novelas de Manuel Rivas ou
de Marcos Calveiro na traducción castelán.
A biblioteca terá de ir alén da
biblioteca tradicional, antes citabamos actividades próprias das escolas
e dos servizos sociais se hai recursos e vontade de facelo, mais cómpre
advertir que a colaboración ou aliñamento de obxectivos non debería
servir a invisibilización e encabalgamento de funcións e servizos. Unha
biblioteca pública municipal non é unha biblioteca escolar nen unha
aula de informática. A instalación de computadores, o seu alugueiro ou
empréstito, deberá axeitarse e aliñarse cos obxectivos, productos e
servizos da biblioteca e non ao revés. Deberá ter presente se a área de
adultos e a área infantil teñen condicións físicas para acollelos sen
interferir no acceso, confortabilidade e funcionamento.
Os déficits da biblioteca non se
solucionan con máis computadores do mesmo xeito que os de educación non
se solucionan só cunha avaliación dos resultados dos alumnos. Todo é
necesario mais non é suficiente. Non se pode continuar na tendencia a
avaliarnos pola alcance das intencións e non polo resultados pedestres
dos resultados. Computadores sí, mais con siso e con equilibrio, que
non chegue a ser contraproducente, contribuindo con iso a que se ignore
unha outra función da biblioteca pública como é coñecer a cultura de
seu e conservar a identidade própria." Link: Ollaparo
|
|
|
|
| |
Enlaces Relacionados |  |
Votos del Artículo |  |
Puntuación Promedio: 5 votos: 1

| |
Opciones |  |
|
Tópicos Asociados
 |
|
"Cedeira: Máis computadores na biblioteca, depende" | Entrar/Crear Cuenta | 0 Comentarios |
| Los comentarios son propiedad de quien los envió. No somos responsables por su contenido. |
|
|
No se permiten comentarios Anónimos, Regístrate por favor |
|
| 
|