O propietario dun foro en internet non é responsábel das opinións de
terceiros
O Tribunal Supremo aceptou o recurso
interposto pola empresa propietaria de 'Quejasonline', que fora
condenada en primeira instancia.O Tribunal Supremo aceptou o recurso de casación interposto pola empresa
Ruboskizo SL, propietaria do foro de internet Quejasonline, que fora
condenada por un xulgado de primeira instancia de Valencia a pagar 6.135
euros a un avogado de Mutua Madrileña Automobilística polos comentarios
supostamente ofensivos publicados por un usuario do foro.
Na sentenza, o tribunal entende que de acordo á Lei de servizos da
sociedade da información e de comercio electrónico de 2002, os
prestadores de servizos de aloxamento en internet "non serán
responsábeis pola información almacenada a petición do destinatario,
sempre que non teñan coñecemento efectivo de que a actividade ou a
información é ilícita ou lesiona bens ou dereitos dun terceiro".
Ademais, o Supremo engade que tampouco se pode facer responsábeis aos
propietarios dunha páxina web dos comentarios publicados polos usuarios
que vaian en contra da lei sempre que, unha vez que se dean conta do que
está a ocorrer, os responsábeis desa web "actúen con dilixencia para
retirar os datos ou facer imposíbel o acceso a eles".
Así mesmo, o
tribunal recorda na súa sentenza que unha directiva europea do ano 2000
sobre esta materia estabelece que os prestadores de servizos en
internet non teñen a obriga xeral de "supervisar os datos que transmitan
ou almacenen, nin unha obriga xeral de realizar procuras activas de
feitos circunstancias que indiquen actividades ilícitas".
Caso
do avogado de Mutua Madrileña
O foro, dedicado a recoller
denuncias dos usuarios sobre distintas empresas, publicou en 2006 unha
queixa sobre Mutua Madrileña Automobilística asinada por un dos seus
avogados en que se aseguraba que a compañía "enganaba os seus clientes".
"Son avogado de Mutua Madrileña e estou canso de enganar a xente, pois a
Mutua faime adiar os expedientes, co fin de non pagar. Ten pinta de
irse ao garete", sinalaba o comentario.
Pouco despois, a empresa
que xestiona o foro recibiu unha chamada do avogado asegurando que el
non escribira iso e pedindo que se borrase o comentario, o que o xestor
do foro fixo, e que lle desen o nome real da persoa que publicara o
comentario, cousa que os encargados de 'Quejasonline' se negaron a facer
para non vulnerar a Lei de Protección de Datos.
Ante esta
negativa, o avogado presentou unha denuncia por danos patrimoniais e
morais ante un xulgado de primeira instancia de Valencia, que lle deu a
razón e condenou a empresa propietaria de 'Quejasonline' a publicar o
fallo no foro e pagar ao avogado 6.135 euros. Posteriormente, a
Audiencia Provincial de Valencia desestimou o recurso de apelación de
Ruboskizo SL e confirmou esta sentenza.
No entanto, finalmente o
Supremo afirmou que a Audiencia Provincial non tivo en conta a
xurisprudencia do Alto Tribunal sobre este tema e eximiu de
responsabilidade a compañía propietaria do foro.
Link: VIONLine