Prórroga de suspensión
Fecha Lunes, 03 mayo a las 12:53:20
Tema PHP-Nuke


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación da orde pola que se prorroga a suspensión de novos desenvolvementos urbanísticos nos 500 metros de costa do territorio galego, despois de que Consello da Xunta fora informado o pasado xoves no Consello da Xunta. Trátase dunha medida cautelar, ata a aprobación inicial do Plan de Ordenación do Litoral de Galicia. A paralización vixente –adoptada polo actual Goberno en maio de 2009 fundamentándose na Lei 6/2007 de 11 de maio de ordenación do litoral de Galicia- establecía un prazo de suspensión que remata o vindeiro 17 de maio de 2010.

A decisión de ampliación desta orde vén motivada polo acordo de ampliar pola súa vez, o prazo inicial de audiencia aos concellos de dous a tres meses para a emisión do informe de referencia, en resposta a unha petición formulada polas administracións locais a través da FEGAMP. Así, o período de consultas dos concellos ao Plan de Ordenación do Litoral, que en principio remataba o 10 de abril, prolongouse outros 30 días.
A prórroga, que permitirá analizar con rigor as achegas dos concellos para mellorar o documento inicial do POL, é unha medida cautelar co fin de preservar calquera actividade de transformación da súa realidade física e permitir unha maior e mellor participación dos concellos do ámbito do litoral. Con esta ampliación mantense a suspensión da tramitación e aprobación dos plans especiais de reforma interior, plans parciais, plans de sectorización e instrumentos de equidistribución que teñan por obxecto a transformación urbanística de terreos situados na franxa dos 500 metros.Cómpre recordar que esta suspensión será de aplicación en todos os municipios costeiros, nos terreos clasificados como solo urbanizable, apto para urbanizar ou rústico apto para o desenvolvemento urbanístico.

Tamén será aplicable aos municipios costeiros con poboación inferior a 50.000 habitantes, nos terreos clasificados como solo urbano non consolidado.

Instrumento de ordenación territorial
O Plan do Litoral é un instrumento de ordenación territorial que ten por obxecto establecer os principios e normas xerais para a ordenación urbanística da zona litoral baseado en criterios de perdurabilidade e sustentabilidade, así como a normativa necesaria para garantir a conservación, protección e posta en valor das zonas costeiras. Aspira, en definitiva , ao establecemento do marco básico de referencia para a eficaz integración das políticas territoriais e actuacións urbanísticas do noso litoral, garantindo a conservación e protección dos seus ecosistemas.Tamén dá cumprimento á obrigatoriedade de que os poderes públicos velen para que no ámbito da súa competencia e da natureza de cada territorio se adopten medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe, e integrar a consideración da paisaxe nas políticas de ordenamento territorial e urbanístico. A Xunta de Galicia busca, a través deste plan unha óptima coordinación das actuacións territoriais e urbanísticas entre as administracións que operan sobre o litoral e o seu contorno terrestre. Para iso é imprescindible a colaboración dos concellos sitos no ámbito de análise.Traballo de audiencia
Desde o envío dunha enquisa a todos os concellos, co fin de coñecer a súa problemática, ata o 23 de abril de 2010, recibíronse en audiencia os equipos técnicos e alcaldes de 74 dos 84 concellos que están no ámbito do Plan do Litoral, co obxectivo de explicar e resolver as dúbidas e recibir as achegas correspondentes. Así mesmo, e en relación coas estatísticas de consulta a través da web do Plan de Ordenación do Litoral, a media de volume de descarga diaria relacionada co POL situouse nos 10,28 GB. Desde o 1 de marzo ata o 27 de abril rexistráronse máis de un millóns de accesos (1.342.627 accesos), polo que os accesos diarios recollidos neste período se eleva a máis de 23.000.

Transparencia e información

Coa finalidade de garantir a transparencia, eficacia e a eficiencia na xestión pública leváronse a cabo reunións explicativas e técnicas de traballo dentro da mesa do Diálogo Social, co Colexio de Arquitectos de Galicia (Xunta de Goberno e Comisión de Ordenación do Territorio e Urbanismo), coa Comisión de Ordenación do Territorio e Urbanismo do Colexio de Enxeñeiros de Camiños Canais e Portos, nas delegacións do Colexio de Arquitectos de Lugo, Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo (reunións ás cales asistiron os arquitectos e aparelladores e equipos técnicos de planeamento dos concellos), coa Escola Técnica Superior de Arquitectura de Galicia e con diversas asociacións empresariais e colectivos de ecoloxistas.

Link: XONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=930