Primeiros contactos para abordar a crise
Fecha Viernes, 06 marzo a las 10:57:30 Tema PHP-Nuke
As palabras de Xosé Manuel Beiras retombaron nos cuarteis de inverno do
BNG. Na UPG e no “quintanismo”, as dúas forzas que conforman a maioría
política, non gustaron nada as críticas do noutrora líder da fronte. O
propio secretario de Organización, Alberte Ansede, foi o encargado de
turrarlle das orellas ao de Roxos. Para Ansede, non é de recibo que
Beiras empregue os medios de comunicación para mostrar un descontento
antes de facelo na Executiva, celebrada ao día seguinte dos comicios e
á que non acudiu o líder irmandiño. Ansede acusou outro dirixente
“irmandiño”, Mario López Rico, de estar presente na mesma reunión e ter
feito unha “manifestación contraria” á exposta na conferencia de prensa
de Beiras.
Ansede deixou claro este xoves que a petición de Xosé Manuel Beiras non
sorte efecto dentro da organización. Tal e como decidiu a Executiva, o
vindeiro sábado 14 abrirase o proceso de reflexión colectiva coa
celebración dun Consello Nacional. Posteriormente, este órgano dará
paso no debate ás asembleas comarcais e locais. Porén, o que xa non
quixo desvelar Ansede é a data da Asemblea Nacional, prevista
inicialmente para este outono. O tenente de alcalde de Vigo, Santiago
Domínguez, que sintoniza co “quintanismo”, expresouse de feito
semellante. Aínda que dixo sentir “cariño e respecto” por Beiras,
considerou que as súas críticas tiñan que darse nos órganos do Bloque e
non fóra.
A militancia do BNG comeza a dixerir o fracaso
electoral do domingo. A organización intenta volver á normalidade logo
de baixar por terceira vez consecutiva nunhas autonómicas e despois de
perder o poder na primeira lexislatura que o acada. A crise está
servida e iso non o nega ninguén. Outra cousa é como se ve a
posibilidade de reconducila.
Asemblearismo: mecanismo útil ou lastre Dentro
do “quintanismo” consideran que si que é certo que hai que reformular o
BNG, tal e como dixo Beiras. Porén, non coinciden nos obxectivos da
mesma revisión. Esta corrente considera que o asemblearismo que
propugnan os “irmandiños” e outros sectores críticos é un grave lastre
para o Bloque: “O problema é que non podemos retroceder a
posicionamentos de hai 15 anos. Todo o contrario, se queremos ser algún
día unha forza maioritaria, temos que ser quen de abrir un BNG a toda a
sociedade e non só ás bases nacionalistas”.
A UPG garda silencio
á espera da reunión do seu Comité Central, previa ao Consello Nacional,
e que marcará o posicionamento deste partido dentro da fronte. Porén,
cadros consultados por Vieiros deixan claro que Beiras está
máis fóra que dentro do BNG. Os “quintanistas” tamén teñen previsto
xuntarse esta mesma semana para marcar unha estratexia común.
Incluso
a maioría oficial non concide en como e cando se ten que convocar unha
asemblea. Dentro do “quintanismo” hai moitas voces que consideran que
agardar sete meses pola asemblea pode eternizar unha posíbel guerra
interna, este sector aposta por unha solución intermedia: nin agora
mesmo como demandan os críticos, nin agardar até o outono. A UPG
prefire deixar pasar o tempo para que a solución se tome en frío.
E Quintana? Horas
despois de coñecer os resultados electorais, Anxo Quintana sinaloulles
aos máis próximos que non se atopaba con moitas forzas para seguir logo
do acontecido. Porén, tanto os seus como a UPG coincidiron en que unha
dimisión inmediata podería agudizar a crise. Quintana aceptou.
Mais,
segundo pasan os días, escóitanse voces que cren que non se debe deixar
a un lado o “capital político” do até agora líder nacionalista. As
opinións van por barrios dentro do propio “quintanismo”: mentres que
uns consideran que Quintana está invalidado para ser o cabeza de cartel
en 2013, hai quen cre que non pode descartarse totalmente esta opción.
Comeza o baile de nomes Quen
podería suceder a Quintana? Semella propio de adiviños coñecer nestes
momentos quen é a persoa con máis posibilidades. Todos no BNG
consideran que primeiro é preciso analizar as causas da caída electoral
e acordar entre todos o novo rumbo. Porén, hai quen ten xa na cabeza
nomes clave para a nova etapa que se abre: Francisco García e Fernando
Blanco (UPG); Carlos Aymerich e Roberto Mera (“quintanismo”); ou
Martiño Noriega (Encontro Irmandiño) son só algúns dos nomes que están
na boca de moitos.
Sexa como for, todos recoñecen que agora,
antes que discutir nomes concretos, toca “reflexionar” sobre cara a
onde ten que ir un proxecto que naceu hai xa 26 anos. De feito, esta
mesma semana xa se produciron algúns contactos entre representantes de
diferentes correntes internas.
LInk: VIONLine
|
|