Informatización dos rexistros civís delegados
Fecha Miércoles, 04 marzo a las 15:55:07
Tema PHP-Nuke


A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en colaboración co Ministerio de Xustiza, inicia en marzo o proceso de informatización dos rexistros civís delegados -adscritos aos xulgados de paz-, dentro da segunda fase do Programa Rexistro civil en liña, comprendido no Plan Avanza. O dito programa, que ten por obxecto conectar todas as oficinas que o rexistro civil ten en cada municipio cunha base central de datos situada no Ministerio de Xustiza, comezará esta segunda fase de informatización desenvolvendo as experiencias piloto dos rexistros de Ames, Arteixo, Bueu. Guitiriz, Nigrán, Sada e Teo.

Trala aplicación do rexistro civil en liña nestas sete cidades -seleccionadas polo comité de seguimento da implantación do Programa en Galicia- a implantación deste sistema farase gradualmente no resto de rexistros civís delegados, ata acadar os 270 que existen en Galicia. Neste sentido, é de salientar que entre novembro de 2007 e marzo de 2008 a Consellería de Presidencia e o Ministerio de Xustiza informatizou os 45 rexistros civís principais, correspondentes ás sete grandes cidades galegas e ás 38 vilas cabeceiras de partido xudicial, que están atendidos polo xuíz de primeira instancia que realiza a función de encargado do rexistro civil. Para isto foi preciso que o Goberno central –que mantén a competencia sobre o Rexistro civil- dotara de equipamento informático a estas oficinas e que a Consellería os instalase e os conectara á rede corporativa de Xunta de Galicia e, a súa vez, á aplicación INFOREG 4, residente no Ministerio de Xustiza, onde almacénanse os datos sobre o estado civil de toda a poboación española.

Fase de dixitalización


Doutra banda, a segunda fase do Programa Rexistro civil en liña pretende tamén dixitalizar todas as inscricións de nacemento, matrimonio e defunción dende o ano 1950, como xa se ten feito nos 45 rexistros civís principais durante os meses de marzo e decembro do ano pasado. Co escaneo destes 6.480 libros de inscricións -realizado baixo a dirección de RED.ES e accesible neste momento no aplicativo INFOREG 4-, Galicia converteuse nunha das primeiras Comunidades Autónomas en finalizar este proceso Outra novidade salientable deste sistema de informatización é que é bilingüe e, polo tanto, fai posible as inscricións dos nacementos, matrimonios e defuncións na lingua oficial -castelán ou galego- que escollan os interesados. De todos xeitos, a elección inicial da lingua da inscrición non será obstáculo para que no futuro as certificacións poidan obterse en calquera das dúas linguas xa que todas as inscricións quedan almacenadas no sistema de información tanto en galego como en castelán.

Link: XONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=87