O Valedor insiste en 'valerlle' preferentemente ao castelán
Fecha Martes, 23 marzo a las 12:13:18
Tema PHP-Nuke


"A Galiza que vostedes defenden non ten nada que ver coa que sente a maioría", afirmaba este luns no Parlamento o Valedor do Pobo, Benigno López. Ben lonxe da diplomacia que se lle presupón a quen ostenta o seu cargo, López aínda engadiu, belixerante cara á representación do BNG na comisión parlamentaria: "Non poden ir poñéndolle unha pistola no peito a cada cidadán para que fale galego". "Se cadra vostedes veñen de profesións que non comprenden que alguén poida deixar a ideoloxía na casa", dixo Benigno López, reivindicando a súa experiencia de "trinta anos" no eido xudicial.


Non é a primeira vez que o Valedor se enfronta con nacionalistas e con socialistas na Cámara, fundamentalmente polo seu posicionamento acerca da lingua. En ocasións anteriores, expresou López a súa convicción de que, ao contrario do que indican todos os estudos e informes sobre normalización lingüística, o galego, na súa opinión, non corre risco ningún.

Para o portavoz na tarde deste luns do grupo parlamentario do BNG, Alfredo Suárez Canal, o informe do Valedor do Pobo presentado na Cámara "retrata unha realidade lingüística moi diferente á que padece Galiza". "O idioma que está en perigo neste país é o galego, non o castelán", lembroulle Suárez Canal ao Valedor. O deputado nacionalista reprochoulle especialmente a López a súa apelación á "liberdade do individuo por riba de calquera outra liberdade idiomática", e dixo non admitir a suposta "lección de liberdade do Valedor". Recordoulle o ex conselleiro do Bloque: "Algúns estivemos noa cadea por defender a liberdade, a idiomática e as demais tamén". En parecido sentido se pronunciou o voceiro do PSdeG, Francisco Cerviño, recordando os informes da Real Academia Galega ou do Consello da Cultura, e censurando a falta de compromiso do Valedor coa lingua do país.

Link: VIONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=827