A UPG e o “quintanismo”
Fecha Martes, 03 marzo a las 23:59:28
Tema PHP-Nuke


Os dirixentes do Bloque Nacionalista Galego decidiron facer boa a máxima de que as cousas hainas que facer en frío. As dúas grandes forzas que trazaron a estratexia nacionalista dos últimos anos (UPG e “quintanismo”) decidiron que, polo menos a curto prazo, non se asuman responsabilidades persoais polo fracaso electoral do domingo.

Consideran que é preciso maular a derrota durante algunhas semanas antes de iniciar o “proceso de reflexión”. O punto de inflexión vaino marcar un Consello Nacional que ten que celebrarse este mesmo mes. Este órgano, composto por arredor de 90 militantes, será o encargado de poñer en marcha un debate que en principio rematará na Asemblea Nacional prevista para outono. As razóns deste “impass” son varias. A principal é que a caída do bipartito, que sorprendeu a case todos, tradúcese cando menos nun punto e aparte na estratexia dos últimos anos, centralizada basicamente na acción de goberno.


Un dirixente confesáballe a Vieiros que a derrota do domingo ten moi desorientada unha militancia que precisa respostas  xa que non acaba de comprender porque o BNG non é quen de remontar nunhas autonómicas dende o xa afastado 1997. Dende aqueles históricos comicios (o Bloque obtivo 395 mil votos), a organización frontista perdeu unha media de 40 mil votos en cada loita polos escanos do Hórreo. O feito de que os tres anos e medio de goberno non parasen esta tendencia fai inaprazábel unha nova análise da realidade política do país.

As vindeiras semanas van ser claves para ver os diferenetes posicionamentos. De momento, a UPG decidiu abrir un proceso de discusión interno para “repensar” a súa estratexia. Na formación que lidera Francisco Rodríguez consideran difícil seguir contando con Quintana para pilotar a nave. Porén, tampouco quere unha dimisión que abra unha imprevisíbel loita polo poder. Dúas citas aconsellarían un aprazamento da decisión até o outono: as eleccións europeas e o congreso da CIG.

No “quintanismo” non hai aínda un posicionamento unánime. Mentres que algúns dos seus membros cren que Quintana non ten crédito para un terceiro intento electoral, outros dirixentes deste sector consideran que o de Allariz aínda ten algunha marxe de manobra.

Falta tamén por ver cal será o papel dos críticos neste debate. Até o de agora excluídos sistematicamente das listas e con escaso poder de influencia nas decisións internas, estes sectores poden recuperar protagonismo nas vindeiras semanas. Un destes colectivos, Esquerda Nacionalista, fixo público un comunicado implacábel coa dirección frontista.

Mentres tanto, o BNG intenta superar a conmoción da súa terceira caída electoral consecutiva, unha situación á que nunca tiveron que enfrontarse nin socialistas nin “populares”.

Link: VIONLine





Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=80