Rosalía, vixente 125 anos despois
Fecha Miércoles, 24 febrero a las 19:21:29
Tema PHP-Nuke


Poucas figuras concitan a mesma unanimidade que Rosalía de Castro. No día en que se cmpren 173 anos do seu nacemento e no ano en que sumaremos 125 anos da súa ausencia, a escritora, poeta fundadora da literatura galega contemporánea e primeira feminista da nación galega, recibirá sentidas homenaxes por todo o país. O seu compromiso, aínda vixente hoxe, é reivindicado esta semana nos colexios, nos centros culturais e nas prazas públicas dunha Galiza que a lembra con orgullo e que a reivindica como referente.


© Vieiros 2010


A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) realizará este mércores unha lectura simultánea en varias cidades do país. Reproducimos aquí o seu manifesto:
 
Manifesto no día de Rosalía.
24 de febreiro de 2010

"O tempo pasou rápido; a centela
tal vez máis lentamente..."

Hoxe, 24 de febreiro de 2010, cúmprense 173 anos do nacemento da escritora galega Rosalía de Castro. No próximo 15 de xullo, terémola presente na nosa memoria após 125 da súa morte. Nela e con ela lembramos non só unha personalidade altísima das nosas letras, senón a muller que alargou até o infinito o campo da literatura e da cultura galegas e, con el, as aspiracións a un outro papel histórico para a súa lingua e a súa patria, Galiza.

* * *

Nestes días para nós escuros, Rosalía, lembrámoste unha e outra vez. Os nosos ollos percorren infatigábeis os teus versos, de onte a hoxe, e a memoria rescata da súa entraña retallos de poemas que palpitan nas nosas veas e percorren o noso corpo todo. E preguntámonos se este frío imposíbel que se instala na nosa pel é o mesmo frío que ti sentiches ante os que teñen fama de honrados na vila, aqueles que, amparados hoxe no mandato estatutario que lles foi outorgado para promoveren a cultura galega e a defenderen fronte ás agresións, utilízano contra todo o que ti significas, minusvalorando a herdanza túa e todo o que de noso achan ao seu paso aqueles que non entenden non todo o que somos e o que significamos.


"Cantarte hei, Galicia,/ na lengua gallega, / consolo dos males, /alivio
das penas."


Hoxe continuamos a te refrendar Rosalía de Castro como a poeta fundadora da literatura galega contemporánea, pois o teu pensamento intelectual traspasa uns versos conscientes de lle estar a dar forma a unha materia patriótica senlleira a través da publicación daquel que foi o teu primeiro monumento literario da modernidade en 1863 e, asemade, voz colectiva da nación: Cantares gallegos, onde a paisaxe, os costumes, o clima e o pobo son unha realidade para lle dar luz desde a dignificación. E o compromiso co teu pobo esixíache a utilización da lingua de seu.

 "mollo na propia sangue a dura pruma..."

Na Habana, en 1880, o teu segundo poemario, Follas Novas, despois de impedimentos e censuras varias, olla a luz e supón a túa consagración definitiva da máis galega e, ao tempo, a máis universal dos nosos escritores, pois canda o excelso ritmo poético da túa obra fica certificada a validade do galego para o tratamento estético-literario de todos os temas, sen as limitacións que, onte como hoxe, se lle querían impoñer á lingua galega, orquestadamente limitada e minusvalorada para os redutos máis íntimos e persoais, invisibilizada no escenario da cultura e do progreso, do recoñecemento público. E entón o teu eu xeneroso de escritora comprometida debrúzase e asume ser a voz da solidariedade maiúscula cos marxinados, cos asoballados, coas mulleres do pobo, vítimas dobres dos danos infrinxidos á Galiza, á procura de ser novamente dona da súa propia liña do tempo.

Os que hoxe nos negan, como a ti te negaron ao longo de tanto tempo, son da estirpe dos que te al*****aron de chorona, mixiriqueira e trastornada por sombras de incerteza, dos que ocultaron o xenio do teu verso construíndoche unha imaxe distorsionada para afastarnos da exactitude das túas palabras, co único obxectivo de impediren que o teu verbo incendiase a nosa vontade e a luz dos teus versos abrise ventás de claridade no noso coñecemento. Deformábante para ocultarte, mentían, como nos seguen a mentir hoxe para destruíren a nosa cerna e esborrallaren a espiral de conciencia que ti iniciaches un día, con ese atrevemento histórico que foi un verdadeiro contrato de xustiza co pobo de noso e co futuro.

"Daquelas que cantan as pombas e as frores ..."

Mais a nosa lembranza de hoxe trae canda nós a reivindicación da túa personalidade consciente, a de ser a primeira feminista da nación galega: pola túa rebeldía ao non aceptares normas masculinas exteriores e superiores á súa propia conciencia e á súa libre vontade; porque te internaches con toda naturalidade no repertorio temático que se reputaba privativo dos homes; porque amosaches a túa solidariedade profunda coa vida e as circunstancias discriminadas das mulleres en xeral e das galegas e traballadoras en particular.
 
*******

É por iso que este Nós plural e colectivo que hoxe nos autoconvoca na túa orgullosa lembranza, demanda declarámonos mulleres e homes fillos da túa estirpe e coa forza do teu legado imprescindíbel diremos unha e outra vez, unha e outra vez, unha e tantas veces como sexa necesario, coa mesma lingua coa que ti renegaches dunha emigración que nos destruía, coa mesma lingua coa que reclamaches respecto para os nosos traballadores, coa mesma lingua coa que denunciaches as inxustizas para coas mulleres, esa lingua que ti ergueches da terra para a converteres en material precioso digno do mellor ourive; con esa mesma lingua nós ergueremos a bandeira do noso orgullo de galegas e galegos para seguir pregoando o noso amor, ese amor que nos une a ti por riba do tempo e do espazo, máis alá da existencia material e tanxíbel, o amor por este idioma noso, que en ti volveu nacer e polo que nós tamén daremos a nosa alma.

O teu nome revive día a día nas túas lecturas, o teu ser nunca acabado de descifar céibase paseniñamente de cadeas censoras artificiais, a túa identidade galega consciente albíscase grazas ao pulo de investigadores propios e foráneos, os teus poemas apréndennos unha historia ferida, mancada pola inxustiza e o empoderamento do forte contra o débil.

Soubeches ser quen eras e defendéchelo co orgullo dunha voz pública propia e sen medo a non ser entendida ou a seres negada. Como valor humano galego universal que simboliza a nosa identidade de galegos e galegas, demandamos do goberno da Xunta de Galiza que á maior brevidade cree o Instituto Rosalía de Castro para que a nosa cultura sexa posta en valor dentro e fóra da Galiza, procurando dármonos a nós mesmos e ao mundo a imaxe real dun pobo cunha cultura milenaria e unha lingua orgullosas se seu, cun lugar na historia dos pobos que construíron a Europa.

Demandamos, finalmente, que esta institución sexa creada para levar a túa merecida internacionalización definitiva e a da cultura galega nun mundo aberto que a ti, Rosalía, non che resultaría nada alleo.


  • Estas son os horarios e cidades onde se lerá o manifesto:

A Coruña
, 18.00.- Monumento a Curros Enríquez.
Lugo, 18.00.- Rúa Nóreas, a carón da casa que fai esquina con Rúa San Pedro, onde viviu ROSALÍA DE CASTRO entre 1864 e 1868. Hai unha placa indicativa.
Santiago, 17.30.- Onde a estatua de Rosalía, no Paseo da Ferradura
Vigo, 19.00.- Nº 12 da Rúa Real, onde a tipografía de Juan Compañel
Ferrol, 18.00.- Praza do Himno Galego
Pontevedra, 18.00.- Na estatua de Castelao, onda o Museo de Pontevedra

Link; VIONLIne






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=766