PLAN FERROL. UNHA VISIÓN CRÍTICA
Fecha Miércoles, 24 febrero a las 09:49:30
Tema PHP-Nuke


Se de algo podería presumir a nosa comarca -para desgraza colectiva- sería de “plans de reindustrialización” que sempre remataron en fiasco. Dúas décadas planificando, ¿e os resultados? O último instrumento -o chamado Plan Ferrol- aparece no 2006 e non servíu máis que de cortina de fume para tentar opacar a enésima reconversión. Un instrumento que se promove para o asentamento de novas empresas e que remata simplemente na concesión de créditos a un xuro preferente que, con algunhas melloras técnicas, aseméllase ás axudas xa coñecidas de Miner-Reindustrialización.



En realidade, pensar que un Plan de reindustrialización ou de asentamento de novas empresas pode basearse só en subvencións a fondo perdido -e aínda menos en anticipos preferenciais- é descoñecer a realidade das axudas públicas en Galiza e no conxunto do Estado. Galiza é, segundo a Unión Europea, rexión obxectivo de converxencia (a denominación antiga era Obxectivo 1), isto quer dicir que as subvencións a fondo perdido para un proxecto empresarial están limitadas agora ao 30% do investimento subvencionábel; e a ese 30% pódese chegar sumando diferentes axudas públicas: Incentivos Económicos Rexionais, Igape, Plan da Minaría, etc.. De feito, noutras Comunidades Autónomas tamén consideradas como Obxectivo de Converxencia chégase a este tope de axudas.
Por iso, considerar que a existencia dun anticipo por si só é un valor fulcral de discriminación positiva e que dea resultados reais de creación de emprego non deixa de ser un exercicio de ilusionismo. Ben está unha achega deste tipo -ninguén vai renunciar a ela- mais non define per se un asentamento empresarial.
Como é normal, calquera empresario/a antes de comezar un proxecto, solicita todas e cada unha das axudas públicas do entorno no que se asenta. De feito, moitas veces atopamos o mesmo proxecto anunciado con axudas do Plan de Ferrol, logo relacionado co Plan da Minaría, con axudas para I+D, etc...; dando unha imaxe falsa na opinión pública de que asistimos a iniciativas diferentes, onde os diversos plans anuncian o seu “éxito”, cando unha e outra vez repiten os nomes das empresas en diferentes liñas de axuda.
As críticas ao denominado Plan Ferrol -evidenciadas agora pola necesidade de “revitalización” por parte dos seus patrocinadores- viñeron sempre de acreditar que non é tal. Só se basea na existencia dese anticipo, descoñece outras actuacións que son precisas e máis decisivas na creación de emprego. A comezar, pola defensa dos sectores produtivos propios da Comarca -entre outros, o sector naval ou o marisqueiro- ou a consideración de factores imprescindíbeis para favorecer o asentamento de empresas, como son as infraestruturas: o saneamento das rías, a dotación de solo industrial con plenos servizos e a prezos baixos, o corredor da Costa, o ferrocarril Ferrol-A Coruña, a chegada do tren ao Porto Exterior, etc.; sen esquecer a necesidade dun servizo especializado de captación de proxectos externos.
Pola contra pódese afirmar con rotundidade que o Plan Ferrol si cmpre cun dos seus principais obxectivos: confundir e tentar anestesiar á opinión pública sobre o proceso de reconversión no naval. Chamativo -e moi preocupante- é que o Plan non se teña manifestado a respecto da Iniciativa Lexislativa Popular -que asinaron máis de 18.000 persoas e tramitada por unanimidade polo Parlamento Galego- demandando a volta da antiga Astano á contrución naval civil e a asunción de competencias do Goberno Galego neste sector.
Así é que para os defensores deste Plan, recoméndolles a lectura do Plan Especial para Ferrol e a súa Comarca -unha versión anterior a este Plan Ferrol- onde no ano 1992, e asinado polo goberno da Xunta e as organizacións sindicais, realizáronse promesas como as seguintes: Saneamento integral da Ría de Ferrol (prazo de execución é de 1991 a 1995), chegada da autoestrada a Ferrol en 1995 (en realidade foi no ano 2000 logo de que un buque soltase amarras de Astano e derrubase a ponte das Pías), etc...
Como vemos, atopámonos nunha nova remasterización do Plan Ferrol, na que se reiteran procesos e resultados de todas e todos coñecidos. Claro que, se se trata de seguir crendo en algo que non vemos, podemos continuar enganchados ao Plan Ferrol, mais teño para min que o día dos Reis Magos xa pasou...
(*) Fernando Branco Parga é membro da Executiva Comarcal do BNG

Link: DF - M.F.C.






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=763