TEGA
Fecha Jueves, 18 febrero a las 08:30:40
Tema PHP-Nuke


As dúbidas no seo de Terra Galega volven xurdir despois dun tempo latentes, a pesar de que desde o partido apúntase que a nivel organizativo todo vai mellor que nunca. De feito, a semana pasada produciuse en Santiago unha nova reunión da dirección nacional, á que non asistiu o presidente, Pablo Padín. Aínda que nun principio fontes consultadas por este xornal aseguraron que algunhas persoas abandonaron a sesión, os alcaldes da comarca alí presentes indicaron que todo discorreu con total normalidade. O propio Xermán Tobío, que ostenta a secretaría xeral en substitución de Xoán Gato, explicou que todo aconteceu sen ningunha incidencia e que os puntos tratados aprobáronse por unanimidade. De igual modo manifestáronse o alcalde de Narón, José Manuel Branco e o de Neda, Ignacio Cabezón. Durante ese encontro, que se celebrou o día 10 de febreiro, sentaron as bases das liñas políticas a seguir por parte do partido nos próximos meses e de face ás eleccións municipais.

En canto a posibles desavinzas dentro do partido a nivel comarcal, Xermán Tobío explicou que "por fin todos estamos traballando unidos e con certa unanimidade dentro do partido".

Pola súa banda, o alcalde de Narón explicou que por primeira vez asistiron á reunión o sete integrantes novos do partido, representando aos concellos de Narón, Neda, Valdoviño, Arteixo, Carballo e Vimianzo. Tamén explicou que é lóxico que os recentemente chegado teñan certas desconfianzas, aínda que matizou que de xurdir asperezas haberá que limalas. O rexedor naronés tamén se pronunciou polas diferenzas ideolóxicas evidenciadas nos últimos meses na comarca, con mocións apoiadas por TEGA nuns concellos e noutro non aludindo a "directrices pouco claras" debidas a "fallos de organización".

Diferenzas

No entanto, non todo parecen ser boas palabras, xa que fontes consultadas por este xornal ( Diario de Ferrol ) aseguraron que nos municipios de Neda e Valdoviño non se descarta terminar o mandato baixo outras siglas si non se recoñece a figura de Xoán Gato, anterior secretario xeral do partido, á fronte do mesmo. Como se lembrará o ex alcalde de Narón foi expulsado de TEGA e posteriormente readmitido, aínda que o seu papel á fronte da dirección nacional non é activo. Neste sentido, fontes do Concello de Neda aseguraron que de non recoñecer o papel do que no seu día foi o "xefe político" da formación "poderían darse divisións dentro de TEGA". Precisamente para tratar esta e outras cuestións de ámbito local está previsto que se celebre unha asemblea de responsables de TEGA en comarca proximamente.

Link: DFONLIne






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=752