"Caso Odeón"
Fecha Sábado, 06 febrero a las 11:30:32
Tema PHP-Nuke


O alcalde e o ex-alcalde de Narón, Xosé Manuel Blanco e Xoán Gato, respectivamente, foron absoltos polo Xulgado de Instrución número tres de Ferrol dun presunto delito contra a ordenación do territorio. Os dous políticos de Terra Galega estaban imputados pola construción do centro comercial e do Hotel Odeón, aínda que o maxistrado mantén a imputación para o arquitecto municipal.

Os dous representantes amosaron, nunha conferencia de prensa conxunta, a súa satisfacción pola sentenza, que tamén absolve os responsábeis da construtora que executou a obra. No seu escrito, o xuíz determina que Blanco e Gato aprobaran as licenzas urbanísticas baseándose nos informes favorábeis emitidos polo técnico municipal, Manuel Villar Álvarez, mesmo sendo "contrarios de forma manifesta á legalidade urbanística".

O maxistrado sostén que, no caso de manter a vía penal contra Gato e contra Blanco, debería imputar tamén o resto da corporación, que apoiara a moción por unanimidade. O alcalde de Narón lembrou que a denuncia fora presentada por un particular que xa iniciara outros procesos contra Xoán Gato e lamentou que xurdisen dúbidas na tramitación urbanística de Odeón, iniciada no ano 2000 sen informes contrarios do resto das administracións.

Xoán Gato atribuíu as denuncias a unha "campaña" para "acabar coa alcaldía de Narón", que o fixo declarar até 14 veces, sen que en ningunha fose condenado e coa intención, ao seu entender, de provocar a "marbellización" do concello. Tanto Gato como Blanco defenderon a inocencia do arquitecto municipal.

Link: VIONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=731