O grupo Valverde convírtese na compañía residente
Fecha Sábado, 09 enero a las 10:41:47 Tema PHP-Nuke
A compañía de teatro Valverde, que desde
hai varios anos dirixe e coordina a dramaturga Fusa Guillén, dá no 2010
un paso máis e convírtese na primeira compañía residente do Auditorio
Municipal de Cedeira. Deste xeito tanto a agrupación como o Concello
inicia unha nova etapa con novas apostas no eido cultural que se
tomarán forma ó longo dos vindeiros meses. Sen ir máis lonxe, o feito
de que o auditorio conte coa súa propia compañía residente é unha
estratexia de dinamización, que aportará novos recursos para a
programación teatral da vila e fomentará os intercambios de
espectáculos e producións.
Fusa Guillén continuará á fronte desta agrupación que anualmente traballa na representación dun espectáculo. Os ensaios realízanse os martes e xoves de 18.30 a 20.00 horas.
O vindeiro 18 de xaneiro o concelleiro de Cultura, Xermán Tobío, e Fusa Guillén presentarán publicamente á compañía residente. Esta xuntanza, que terá lugar ás 18.30 horas no auditorio municipal, servirá tamén para que todas as persoas interesadas en participar nas montaxes que leva a cabo o grupo Valverde podan recibir máis información sobre o tema.
Obradoiros
Paralelamente á creación da compañía de teatro residente, o Concello de Cedeira tamén pon en marcha unha serie de obradoiros vencellados co mundo do teatro e a literatura. Así, aqueles que sintan curiosidade polo mundo da interpretación, pero que por calquera motivo non poidan integrarse dentro da compañía Valverde, poderán probar sorte no obradoiro de teatro que se impartirá todos os martes e xoves de oito da tarde a dez da noite. Ademais os luns entre as 18.30 e as 20.30 horas impartirase un taller de escritura e, a partir desa hora e ata as dez da noite, os amantes da literatura poderán intercambiar opinións sobre diferentes libros nunha nova tempada do Club de Lectura da vila.
A presentación destas dúas actividades tamén terá lugar o vindeiro 18 de xaneiro, aproveitando a xuntanza para a presentación da compañía de teatro residente.
Artes plásticas
Asemade o Concello imparte ó longo da semana diferentes cursos vencellados coas artes plásticas. Hainos de encadernación, pintura, modelado, escultura e máscaras e de técnicas múltiples. Para anotarse hai que chamar ó teléfono 981 482 633.
Link: DFONLine
|
|