‘Pachi’ augura triunfos para o PSdeG nas municipais
Fecha Sábado, 12 diciembre a las 17:00:22
Tema PHP-Nuke


"Imos seguir gobernando as grandes cidades galegas". O secretario xeral do PSdeG, Manuel Pachi Vázquez, tira de “estudos demoscópicos” para mirar con “optimismo” o horizonte do que será o seu primeiro gran reto electoral como líder dos socialistas galegos, isto é, os comicios municipais da primavera de 2011.

No marco da súa intervención na Tribuna Galicia de Nueva Economía Forum, Vázquez trazou onte unha folla de ruta na que o PSdeG, “malia a ter sufrido unha crise pola perda do Goberno da Xunta”, manterá o goberno de “todas as capitais de Galicia” unha afirmación que, alén das “proclamas”, subliña, ten como base “datos precisos que anticipan que isto vai ser así”.

Ante a plana maior do socialismo galego e representantes do mundo económico, sindical e social do país, Pachi Vázquez mostrou a súa formación como un partido “máis cohesionado”, logo da renovación interna dos últimos meses nos niveis provincial e autonómico, e con “vontade de gobernar de novo” non só no eido local, senón tamén regresando ao Executivo galego. Precisamente ao actual Goberno da Xunta se dirixiu especialmente Vázquez co obxectivo de propoñer “un gran acordo para abordar os grandes temas crónicos deste país” e que pasan, esencialmente, di, por unha “reforma estrutural” no ámbito do territorio, a elaboración dun novo Estatuto e a recuperación do “consenso” en torno á lingua. Despois de que o bipartito, salienta, lle “metese o dente” por primeira vez a problemas que “lastran o país” coma o “minifundismo”, con medidas coma o Banco de Terras –un proxecto diante do que, lembra, “o PP lle dicía á xente que os socialistas lles quitaban as terras”–, Vázquez reclama “pactos” para impedir que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo “desande o camiño andado e se bote cara a un modelo de desenvovlemento ultraconservador”. Neste sentido, o líder do PSdeG ten claro que medidas de futuro en eidos como a educación ou o “investimento en coñemento” pasan por un novo Estatuto que “Galicia necesita imperativamente” para, por exemplo, “debater en igualdade o financiamento autonómico”. Así, Pachi Vázquez mostra a súa sorpresa polo feito de que Feijóo estea “preocupado por que o Constitucional defina o Estatuto de Cataluña” cando, di, resulta “máis preocupante que un presidente non queira aceptar o Estatuto da súa comunidade”. “Non hai precedentes –afirma– dun presidente que teña o ofrecemento da oposición para sacar adiante o Estatuto e diga que non o quere”. Esa mesma vontade de “consenso” maniféstaa o secretario xeral dos socialistas no que “sempre foi un elemento de cohesión” e agora, di, derivou en “confrontación”, como é a cuestión lingüística. Vázquez lamenta que os conservadores “abrisen o baúl de onde saíron os demos de moita xente”, se ben mostra a súa disposición ao pacto sempre que o “marco” sexa a normativa vixente, “un marco –subliña– no que está inscrito o actual decreto”. Menos posibilidades de acordo co Executivo observa Vázquez no futuro do hospital do Centro Gallego de Bos Aires despois de que, tal e como vén relatando este diario, a Xunta “llo entregase sen concurso público a unha empresa vencellada ao PP”. Con todo, o socialista ten claro que “o PSdeG vai levar isto ata o último extremo, por un problema de lealdade cos cidadáns galegos que viven na Arxentina”.Link: XORONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=658