BNG “plural” que desbote “lexitimidades fundacionais”
Fecha Domingo, 22 noviembre a las 17:02:05
Tema PHP-Nuke


“Provocar un revulsivo” no seo do Bloque. Esta é, en palabras do seu recente elixido coordinador xeral, Carlos Aymerich, o obxectivo que Máis BNG sitúa como prioridade da que, dende a asemblea constituínte de onte, é xa a nova corrente interna dos nacionalistas. Nun conclave formado por algo máis de 600 persoas, o tamén voceiro parlamentario dos frontistas debullou a folla de ruta do colectivo nacido formalmente no marco da Asemblea Nacional Extraordinaria celebrada polo BNG o pasado maio, despois de abandonar o Goberno galego, e que, nun primeiro intre, agrupou aos naquela altura coñecidos popularmente como quintanistas.

Precisamente os efectos que na maquinaria do nacionalismo provocaron a derrota nas urnas e a propia Asemblea Nacional centraron onte boa parte da análise política do novo colectivo. En palabras de Aymerich, ambos procesos deron como resultado unha “sensación de interinidade” na dirección nacionalista que o Bloque debe ser “capaz de superar” nun horizonte inmediato, nomeadamente, “antes das eleccións municipais” de 2011.

En opinión do líder da nova corrente, eses comicios locais deben servirlle ao BNG coma “punto de inflexión” e inicio dunha “fase de ascenso” electoral, premisas que, apunta Aymerich, deben canalizarse a través dunha nova Asemblea Nacional previa á cita coas urnas. Con este obxectivo, Máis BNG aposta por “tender a man” ao “conxunto” da formación frontista; o plan, sintetiza, pasa por chegar ás eleccións “máis unidos” que na actualidade.

Xunto a esas apostas inmediatas, a corrente pon o acento na necesidade de “abrir” o Bloque “á sociedade”, un propósito que, asegura o seu coordinador, pode ter a súa clave na “recuperación” dalgúns dos “trazos fundamentais” da creación da propia fronte no ano 1982.

 

“PLURALISMO”

Nun discurso con múltiples referencias á necesidade de pór en valor o “pluralismo” que, explican, caracterizou o nacemento do Bloque, Máis BNG comezou onte a artellar o que, a efectos reais, supón o primeiro chanzo cunha , ironiza Aymerich, “concentración parcelaria” que aposta por actuar coma contrapeso da histórica hexemonía da Unión do Povo Galego (UPG) na vida interna dos nacionalistas.

Así, na práctica, supón a concentración nun só ente de grupos internos coma Espazo Socialista, Esquerda Nacionalista ou Partido Nacionalista Galego –a afiliación a Máis BNG é individual, sen posibilidade de integrar colectivos–.

Malia a non ser citada en ningún treito da súa intervención, foi a propia a UPG a destinataria de boa parte das mensaxes que, en clave interna, lanzou Carlos Aymerich dende a tribuna. Nunha sesión de clausura que non contou coa presenza do voceiro nacional do BNG –Guillerme Vázquez remitiu unha carta na que felicitou á corrente pola súa posta en marcha e que foi lida no plenario–, Aymerich mostrouse partidario de abrir un novo período caracterizado, dixo, pola “igualdade radical” da militancia.

Esa “vivencia real do pluralismo”, insiste, debe vir dada por unha ausencia de “lexitimidades fundacionais” na vida interna do Bloque –unha das principais críticas que dende Máis BNG se ten lanzado á UPG, partido decisivo na creación da propia formación frontista–. Fronte a este escenario, Aymerich contrapón a propia asemblea fundacional de Máis BNG: “Falouse –di–, con total liberdade, aquí non hai herexías porque tampouco hai dogmas”.

 

CAMBIOS NA MENSAXE

As mudanzas na toma de decisións internas deben vir acompañadas, a xuízo do colectivo, por unha renovación na mensaxe dun BNG que actúe como “casa común” do nacionalismo dende unha “esquerda transformadora” que aposte por un “modelo de benestar”.

Neste sentido, o líder de Máis BNG sintetiza o contido dos docmentos políticos da corrente na necesidade de defender un “modelo” no que, por exemplo, apunta, teñan cabida as “iniciativas empresariais comprometidas co país” xa que, di Aymerich, “isto é o que fai o BNG cando goberna”.

O feito de que esa mensaxe non se teña explicitado ata o momento dende a dirección nacionalista é atribuído por Aymerich a que “se cadra” o Bloque “non se atreveu a facelo”, unha circunstancia que aposta por mudar mediante a “eliminación da distancia entre o que dicimos cara a fóra e cara a dentro”. O obxectivo, explica, é “eliminar a impresión de que temos un programa oculto”.

Estas son, a xuízo do colectivo recentemente creado, as claves para que a formación frontista deixe de ser a “conciencia crítica” do país para pasar a “dirixilo”, algo que, di, “é o que os galegos esperan do nacionalismo”.

Link: XORONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=621