Derribo da casa da ex-conselleira de Pesca
Fecha Jueves, 19 noviembre a las 11:33:08
Tema PHP-Nuke


Logo dun longo proceso de litixios, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ordenou o derribo da casa da ex-conselleira de Pesca durante o goberno bipartito, Carme Gallego (PSdeG), situada en Riomaior (Vilaboa). O Alto Tribunal estima o recurso presentado pola asociación ecoloxista "Salvemos Pontevedra" contra o chalé de Gallego e obriga á Xunta a demolelo en cmprimento dunha resolución do ano 2000, que estabelece que o inmoble está situado en "zona de protección do dominio público marítimo terrestre", ao estar a menos de 100 metros do mar (tal e como estabelece a Lei de Costas).

Nove anos de recursos
O proceso iniciouse coas primeiras denuncias, presentadas en febreiro de 1994 ante o Servizo Provincial de Costas, quen, á súa vez, trasladou o caso á Xunta de Galiza. En xuño de 2000, a Delegación Provincial de Medio Ambiente emitiu unha resolución na que se declaraba prescrita a infracción cometida mais ordenaba que os terreos nos que se executaron estas obras volvesen ao seu estado primitivo.

A seguir, a ex-conselleira e actual portavoz de Medio Ambiente do PSdeG no Parlamento interpuxo un Recurso de Alzada ante a resolución e Medio Ambiente emitiu un informe desfavorábel propoñendo a desestimación do recurso. Porén, malia que o colectivo "Salvemos Pontevedra" instou á Xunta a resolver o recurso, non chegou a tomarse unha decisión en firme. Con todo, os ecoloxistas presentaron unha demanda ante o Contencioso-Administrativo, o que agora resolve o TSXG, para que se leve a efecto a demolición ordenada hai xa nove anos.

O fallo do TSXG explica que a vivenda está construída nunha zona non urbanizábel e que cando entrou en vigor a Lei de Costas non tiña os servizos exixidos pola normativa de solo. Estabelece, así, que a edificación se atopa nuns terreos que "están clasificados nas normas subsidiarias de Vilaboa como solo non urbanizábel de núcleos rurais tradicionais" e entende que "non sendo discutido que a edificación está a menos de 100 metros do límite interior da ribeira do mar, a resolución de xuño de 2000 que ordena o seu derribo é conforme a dereito".

Gallego deféndese
Pola súa parte, a socialista asegura que, no momento da construción, contaba cun permiso municipal e que foi posteriormente cando entrou en vigor a Lei de Costas. Explica que foi despois cando, "por algún motivo, o Concello tivo problemas para legalizalas", mais lamenta que, malia ser un núcleo máis amplo se ordene o derribo unicamente da súa vivenda.

Gallego entende que, neste caso, está sendo sometida a unha persecución e acusa ao colectivo "Salvemos Pontevedra" de estar vencellado ao Partido Popular. Con todo, xa anunciou que presentará un recurso ante o Tribunal Supremo, último posíbel en todo este longo proceso.

Link: VIONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=616