O Bloque revisa o seu interior
Fecha Lunes, 14 septiembre a las 11:37:49
Tema PHP-Nuke


Non foi unha revolución, pero tampouco unha anécdota. Certo é que o resultado dunha das votacións que se celebrou durante o último Consello Nacional do BNG apenas ten relevancia fóra das fronteiras organizativas -supuxo unha pequena ampliación dos representantes comarcais– pero foi dun simbolismo enorme á hora de entender o camiño que tomará a formación a medio prazo. A unión das correntes de Carlos Aymerich –Máis BNG– e Xosé Manuel Beiras –Encontro Irmandiño– derrotou á hexemónica UPG que encabeza Francisco Rodríguez e que impulsou a Guillerme Vázquez ao liderado na asemblea do pasado 10 de maio. Foi este un feito novidoso que pode supor outra era, xa que cambia a correlación de forzas no interior dun Bloque cuxo ambiente interno é na actualidade “normal” –segundo apuntan diversas fontes– pero de máxima expectación. Seica ábrese a porta a unha nova etapa, máis afastada da polarización asemblearia, aberta ao diálogo entre partes e cuxos resultados poden ser visibles unha vez a nova dirección *****pra un ano á fronte da organización.

UPG Mantén a maioría na Executiva grazas ao apoio do minoritario Movemento Galego ao Socialismo, pero xa sabe que pode perder no Consello, máis decisivo nas cuestións de fondo. Dende a asemblea marca a liña do BNG, pero dende o sábado sabe que terá que abrirse aos outros sectores para buscar máis puntos en común, sobre todo no estratéxico. Conta a nivel de base cun importante apoio, ás veces máis centrado en cuestións ideolóxicas que de liderados persoais, e no pasado xa foi capaz de chegar a importantes acordos –nin Beiras nin Quintana foron nunca da órbita da UPG– que repercutiron de xeito favorable no Bloque, algo que semella que pode volver a pasar.   Máis BNG O ascenso da corrente que lidera Aymerich –na que tamén milita Teresa Táboas e que conta co respaldo de Anxo Quintana– é o máis forte dentro do BNG nestes meses, se ben por separado segue por debaixo en apoios da UPG, coa que mantén diferencias que pretéritas experiencias demostran salvables, pero que aumentaron últimamente por cuestións tácticas. Sabe que seducindo aos irmandiños pode facerse co timón do BNG, se ben en principio a súa intención é a de botar a andar un diálogo entre as partes que corrixa, entre outras cousas, algunha tendencia recente matizable en termos de apertura e imaxe.   Encontro Irmandiño Ten a chave do Consello pero está ausente da Executiva. Mantén diferenzas claras de actuación coa UPG e tamén teóricas con Máis BNG, pero están abertos a alianzas que definirán nos próximos meses, cando finalice o proceso de reflexión que bautizaron como “rolda de rebeldía”.   Guillerme Vázquez E mentres, o Bloque e o seu actual voceiro seguen coa súa axenda, xa que para todas as partes é importante agora centrarse na oposición ao PP. Precisamente, na festa nacionalista de Cangas, Vázquez acusou a Feijóo de “facer políticas de extrema dereita”.
Link: XONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=518