A lucida poesía de Cohen deslizouse por Castrelos
Fecha Viernes, 14 agosto a las 18:43:50
Tema PHP-Nuke


Cantos compositores hai capaces de armar catro clásicos como 'Suzanne', 'Sisters of Mercy', 'So long, Marianne e Hey', 'That’s No Way to Say Goodbye' no seu debut? Cales, catro décadas despois daquel Songs of Leonard Cohen (1967), axeonllan o seu talento inmenso para presentar os seus músicos, un a un, co chapeu na man? Cales, entre todos os que pasarían este cribo, resisten aínda con humildade e elegancia unha travesía de case tres horas sobre o escenario? A resposta, mentres se interrogan outros sospeitosos, segue a ser doada: ese canadense de traxe escuro que onte puxo en pé a 25.000 persoas, talvez máis, talvez moitas menos, no parque de Castrelos.


© X.O.L.
Leonard Norman Cohen tomou onte Vigo como se fose o Berlín de ‘First We Take Manhattan’. A piques de cmprir os 75 anos –celebraraos, seguro, o vindeiro 21 de setembro en Barcelona–, o de Montreal encheu o maior auditorio natural de Galicia co máis selecto da súa discografía. A voz engordoulle porque acubilla máis tesouros aínda ca nos anos sesenta, cando publicou os seus primeiros poemas en Canadá e decidiu facer cancións da outra beira da súa propia raia. Todo o contrario que a súa delgadísima silueta, fráxil pero esguía, que ameaza con disolverse na curva dun retrouso. O resto, segue intacto.




Non é que Live in London sexa a base do seu repertorio. É que esa gravación ao vivo, de marzo deste ano, condensa a filosofía desta xira redentora –estaba arruínado antes de empezar a facturar de novo como un partisano, con eficacia e sacrificio– que dura xa dous anos. Os que o foron ver a Lisboa o verán pasado sabían o que ía acontecer logo de que Cohen entrase no escenario e abrise a caixa de pandora cos coros de ‘Dance Me to the End of Love’. O resto, en realidade, tamén. Imaxinárano así durante moitos anos. Fóra do deostado Death of a Ladies’ Man (1977) que deixara en mans de Phil Spector, non hai case ningún dos seus discos de estudio que non recorde o pai de Lorca –a súa filla ten nome de homenaxe e de poeta–. Do último, Dear Heather (2004), ao primeiro, aquel Songs of Leonard Cohen (1967), coma quen sabe ler nas mans do público, o canadense vai apañando das leiras que traballou durante corenta anos os froitos máis redondos. Recupera ‘Bird On Wire’ de Songs For A Room (1969) e’If It Be Your Will’ de Various Postions (1984). Petisca en New Skin for the Old Ceremony, onde puxera ‘Who By Fire’ en 1974, e no seguinte, Recent Songs (1979), con ‘The Gypsy’s Wife’. E xaora, volve sobre os seus pasos máis accesíbeis, os de I’m Yor Man (1988) e The Future (1992), cunha *****prida presa de standards, do ‘Pequeno vals vienés’ de Lorca –‘Take This Waltz’– ao modernísimo ‘Democracy’. Arroupado por nove músicos –Sharon Robertson e as Webb Sisters, ademais dos coros, tocan, bailan e fan pinchacarneiros–, o de Montreal repintou os seus éxitos cun verniz de cámara: unha man de blues, outra de jazz, dúas de virtuosismo. Preciosista, preciso, impecábel –tamén predicíbel–, o seu “pequeño ensemble”, como lle chamou o bardo, convenceu a Castrelos. Escoitàndoos, parece fácil ser Leonard Cohen. Hai quen se acorda de Jeff Buckley cando identifica o limiar de ‘Hallelujah’ e quen invoca a Morente e Lagartija Nick para mellor gozar de ‘First We Take Manhattan’. Sempre houbo quen preferiu ao Cohen compositor nas voces e nas partituras doutros. Logo de sentilo recitar ao vivo ‘Anthem’, é moi difícil seguir nos mesmos trece. “Ring the bells that still can ring. Forget the perfect offering. There is a crack in everything. That’s how the light gets in”, bísballe ao universo antes de que empece a soar o himno. Non hai apostasía que o cure a un de semellante emoción.
Link: XONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=481