
BNG - 25 de Xullo - Día da Patria Galega
Fecha Miércoles, 22 julio a las 12:01:59 Tema PHP-Nuke
Movámonos pola nosa lingua e polo dereito ao traballo
Imos celebrar este ano o Día da Patria Galega nun contexto político de grave agresión contra os nosos dereitos como pobo. O Goberno do Partido Popular na Galiza fixou a súa prioridade na destrución da nosa lingua. Comezan por reducir a súa cativa presenza no ensino e por eliminar o requisito do seu coñecemento para o acceso á función pública. Teñen un obxectivo político claro: destruír a nosa conciencia de sermos galegos e galegas.
 © BNG Galiza 2009
Paralelamente, no contexto da grave crise económica que sufrimos optan por recortar dereitos nos servizos públicos (ensino, sanidade,...) e por aliñarse cos intereses das grandes empresas. Non usan o goberno galego para defender sectores básicos da nosa economía. Tampouco se dispoñen a impulsar o emprego desde a iniciativa pública ou axudando á pequena e mediana empresa. Sintonizan con todo o que sexa reducir dereitos sociais e laborais. Venden a emigración dos nosos mozos e mozas como panacea. Só utilizan Galiza ao servizo dos intereses políticos do PP a nivel estatal.
Hai que moverse contra pretensións tan destrutivas. Un goberno así é mortal para sermos galegos e galegas con dignidade e lograrmos algún día o dereito pleno a vivir e traballar na propia Galiza. O BNG defende unha política de igualdade: a igualdade para o noso idioma e unha política económica que favoreza o dereito de todos e todas ao traballo. Esta é a verdadeira política democrática. Por iso facemos un chamamento a participar na mobilización do Día da Patria en Santiago en defensa da nosa existencia como pobo con dereitos. De forma moi especial en defensa da lingua galega como lingua verdadeiramente oficial a todos os efectos, e do dereito ao posto de traballo digno na propia terra. Estes son dous dereitos básicos para calquera pobo do mundo.
“Porque o noso deber está en asegurar o dereito ao traballo remunerado, para que ningún irmán noso emigre por necesidade.” Sempre en Galiza. Castelao
Link: BNG Galiza
|
|