PIMPINELA - por Vicente Araguas
Fecha Martes, 21 julio a las 10:44:54 Tema Colaboradores
Logo do acto na Serra de A
Capelada, cheo de pompa e circunstancia (incluíndo a presencia do
ministro conselleiro do Reino Unido, un señor de Aberdeen), do que
informou moi ben este xornal a través de Lorena Romero, que alí estaba
pasando o mesmo frío que os demais presentes, fumos ao Auditorio
cedeirés ver “Pimpinela Smith”, unha película protagonizada, dirixida e
producida polo propio Leslei Howard.
Véndoa, ollando o seu canonazo
a prol da democracia, fican poucas dúbidas. Se os “junkers” asasinos
que derrubaron o Ibis non ían a por Leslie Howard ben poderían telo
feito. Xente como este actor son os que foron alén do “king and
country”, e hai unha película de Joseph Losey que denuncia o terrible
do patriotismo aproveitado, para que a palabra libertade non quedase
fóra do mapamundi que os nazis pretendían volver deseñar. Por iso a
importancia do acto do sábado en Cedeira, e a recriación dun mito. O de
menos a exactitude do lugar onde o Ibis caeu. O importante o feito, ao
que se chega pola vontade dun mitómano, José Rey Ximena, artíficieiro
da homenaxe, demostrativo do que pode un home só cando é teimoso,
liberal e consecuente.
E quero salientar a proclama do Alcalde
de Cedeira, Xosé Luís Vergara, quen aproveitou o acto d´A Capelada para
ceibar unha oración ilustrada: emotiva, pedagóxica e europeista.
Loureiros verdecidos para quen como Leslie Howard souberon, co seu
sacrificio, termar dun mundo para todos.
© Vicente Araguas - Diario de Ferrol
Link: DFONline
|
|