Onde está o plan de ordenación do litoral?
Fecha Miércoles, 08 julio a las 10:40:37 Tema PHP-Nuke
"Nos 86 municipios da costa galega construíronse, en toda a historia,
816 mil vivendas. Os concellos están agora recualificando para poderen
edificar 680 mil máis en só 13 anos. Isto supón, por exemplo, máis que
as previstas na Costa del Sol".
Velaí a comparativa que
aparece ao inicio do capítulo que o colectivo ecoloxista Greenpeace lle
adica a Galiza na edición 2009 do seu informe Destrucción a Toda Costa.
O estudo valora positivamente a decisión en 2007 da Xunta de protexer o
litoral co denominado Decreto de Medidas Urxentes, que freou
temporalmente a construción nos 500 metros desde a liña do mar. Ao
tempo advirte da presión realizada desde o sector inmobiliario para
botar agora abaixo a iniciativa, reprochando as afirmacións da
federación galega de promotores, Feproga, que agoiraba que o plan
"afundirá o país". Poñen o exemplo da macro-promoción iniciada por
Martinsa-Fadesa hai anos en Miño (1.200 vivendas e campo de golf ao
través de 160 hectáreas) que quedou agora a medio construír unha vez
estoupou a burbulla inmobiliaria.
Informe Galicia (PDF )
Longa lista de irregularidades urbanísticas nos tribunais A
análise dos ambientalistas fai breve repaso de máis ducia de casos
concretos de irregularidades con implicacións en moitos casos de graves
impactos para o medio natural e que remataron nos xulgados. A lista
iníciaa Aranga, co caso da compra de 300 hectáreas de solo rústico e a
posterior denuncia por violación de secretos, uso de información
privilexiada e alteración dos prezos do libre mercado. Inclúe ademais o
caso de Gondomar, de actualidade recente a conto da moción de censura
no Concello. Por outro lado, fíxase tamén no acontecido en
Viveiro, onde o xulgado anulou a licenza para un edificio de 200
vivendas en Covas, e cita entre outros o caso de Nigrán, onde a asesora
xurídica do departamento de Urbanismo e membros da súa familia
construíran un bloque de vivendas perto dos areais de Praia América.
Tamén na querela da Fiscalía de Pontevedra en 2008 contra o alcalde de
Baiona, por presunto delito de prevaricación na área de reparto en solo
urbano consolidado en favor do hotel balneario sobre o que pesa orde de
demolición desde hai dous anos. De Ribadeo á Guarda, ampla escolma de agresións
O informe continúe repasando a pé de costa algunhas das agresións máis
importantes sobre o litoral do país. Así por exemplo, e comezando por
Ribadeo, censura o outorgamento de licenza en 2005 para a planta de
acuicultura no Lugar de Importancia Comunitaria d'As Catedrais,
incluída a beizón daquela da propia consellaría de Medio Ambiente. Unha
instalación que posteriormente foi paralizada polo Tribunal Superior de
Xustiza de Galicia. E sen saír da zona, reparan tamén na teima coa
construción dunha terminal cuberta de carga, co favor de Portos de
Galicia, que invadirá a ría do Eo para mellorar a exportación da veciña
planta de Ence en Navia. O estudo menciona tamén a Costa da
Morte, queixándose da "urbanización indiscriminada" do litoral. "Lonxe
de acadar unha xestión sostíbel deste contorno, seguen proxectándose
novas urbanizacións e infraestruturas que fan aínda máis vulnerábel
esta costa que sufriu a marea negra do Prestige", indican.
De xeito específico denuncian a volta ao debate ao respecto da
piscifactoría en Touriñán, un proxecto desbotado polo anterior Goberno
e ao que a Xunta lle abre agora outra vez as portas. "Enterraría baixo
300 mil metros cadrados de cemento e plástico hábitats prioritarios
para a súa conservación pola directiva europea", láianse. Na mesma
zona, critican tamén a proxectada instalación de dous parques eólicos
con máis de 70 aeroxeneradores que debuxarán a costa ao longo de dez
quilómetros de litoral, desde Cabo Touriñán até Muxía.
Link: VIONLine
|
|