Converter o furtivismo en delicto
Fecha Sábado, 27 junio a las 00:53:52
Tema PHP-Nuke


O director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, destacou a importancia de loitar de forma “directa, integral e coordinada” contra o furtivismo, apuntando que, en escasos quince días, estará en vigor o Plan de Coordinación da Loita contra o Furtivismo nas cinco subzonas da costa galega nas que foi dividida a actuación contra a práctica extractiva e comercial fraudulenta e ilegal.

Fernández Asensio, que compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para dar conta das liñas xerais de traballo que levará a cabo o departamento da Consellería do Mar que dirixe, quixo facer fincapé na extensión da intensidade da loita a todos “os elos da cadea mar-comercio”, ao entender que “é tan furtivo a persoa que baixa á praia ou a ribeira coma aquela que llo compra e o pon non mercado ou nun restaurante sen os debidos controis hixiénico – sanitarios”.



Na súa intervención, o responsable dos recursos mariños da Consellería do Mar manifestou a intención deste departamento de endurecer, “cmprimentando os pasos xurídicos e administrativo previos e necesarios” a lexislación, para que “o furtivismo sexa considerado un delicto, convertendo a reincidencia en algo máis ca unha falta, xa que quen practica a pesca ou o marisqueo furtivo está a roubar o futuro aos milleiros de profesionais honrados”.

A maiores, Fernández Asensio comprometeuse a “gardar, preservar e soster un estado aceptable, sostible e preciso dos recursos” destacando que será “unha tarefa inxente máis necesaria no camiño para acadar un equilibrio entre os eidos ambientais, económicos e sociais da explotación do noso mar”.

No seo da Comisión oitava, de Pesca e Marisqueo, o responsable do eido do recursos da Consellería do Mar destacou o traballo deste departamento ao entender que “xestionar os recursos e ordenalos son o primeiro criterio para dar forma e sostén ás economías mariñeiras e mariscadoras e, conseguintemente, ás estructuras sociais que delas dependen, e que en Galicia acollen a preto de 25.000 persoas”.

Para iso, o director xeral subliñou a importancia de actuar “seguindo os principios das organización internacionais e da UE; fundamentalmente baseados na pesca responsable e na sostibilidade dos recursos” alén de dar primacía ao criterio de precaución” ao entender que é “o máis favorable para previr antes que lamentar, para quedar curtos antes que esgotar ou deixar sen reversión os estado dalgún stock”.

Noutra orde de cousas e referíndose ao campo normativo da ordenación e xestión dos recursos mariños, o director xeral tamén resaltou a conveniencia de dar nova forma a varios decretos e ordes, entre elas a da regulamentación que rexe a utilización dos diferentes artes e aparellos para a práctica pesqueira, dando un texto actualizado ao Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, que fóra aprobado polo Decreto 424/1993, de 17 de decembro.

Na mesma liña, Fernández Asensio apuntou tamén cara á próxima emisión dunha “nova orde de pesca recreativa de carácter provisional ata ter o texto revisado da Lei de Pesca, orde que deberá regular aspectos coma días, horas, artes e útiles ou zonas prohibidas”. Este feito vén dado, ao teor do director xeral pola “ausencia dunha normativa clara e concisa nesta eido desde a resolución do Tribunal Supremo de maio de 2006 na que se anulou definitivamente a Orde de 13 de agosto de 1999 que desenvolvía o decreto de pesca deportiva, o que ofrecía os conseguinte problema tanto para os afeccionados coma para os inspectores”.

Por último, o responsable da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños reiterou o seu obxectivo de traballar por “mellorar rendas, explotación e calidade” dos productos e da actividade pesqueira e marisqueira, subliñando a súa vontade de ofrecer “ánimo, traballo e dedicación” e ”agradecer ao persoal do departamento a súa dedicación e labor, sabedor de que o traballo que realizan é sempre en favor dos nosos profesionais do mar e das praias”.

Link: XONLine





Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=401