Montes de titularidade pública
Fecha Jueves, 25 junio a las 10:48:05
Tema PHP-Nuke


Practicamente a totalidade da madeira procedente dos montes de titularidade pública da comarca, que foron danados polo "Klaus", está vendida. No caso concreto de Cedeira, onde Concello e Xunta comparten os beneficios da venda da madeira, a cantidade que se obterá por esta transacción é tres veces menor ao que se percibiría anos atrás, debido á depreciación que sofre o produto no mercado.


Aínda permanecen latentes os efectos do paso pola comarca do furacán "Klaus", o pasado 23 de xaneiro. Pasear polos montes de Ferrol, Eume e Ortegal convida a reflexionar sobre a magnitude dun temporal que restou gran protagonismo a outro que aínda permanecía na retina e o recordo de moitos galegos, como o "Hortensia".

Desde aquel día, no Distrito Forestal I, que ten a súa sede en Ferrol pero que abarca os montes de toda a comarca, traballouse moi duro para recuperar os terreos de titularidade pública afectados polos fortes ventos que trouxo o "Klaus". Así, segundo confirmou a este diario José Manuel Zapata, o xefe de distrito, xa se vendeu a práctica totalidade da madeira procedente das árbores danadas nos montes de Ferrol, Eume e Ortegal, esta última zona especialmente prexudicada.

Como se lembrará, os montes da serra da Capelada en particular, e todos os de Cedeira en xeral, sufriron de forma especialmente grave os envites do temporal. Aquí, a diferenza doutros municipios da comarca, o Concello é propietario de gran parte da superficie arboredo da Capelada, aínda que corresponde á Xunta de Galicia a xestión da mesma. Neste sentido, José Manuel Zapata aclarou que, aínda que pertencen ao Concello, estes terreos están consorciados coa administración autonómica en virtude dunha lei de ámbito estatal que está en vigor desde a década dos 40. Deste xeito, é a Xunta quen se ocupa deles, da súa limpeza, coidado e, neste caso, de xestionar a venda, a quen e por canto. A administración local, por suparte, cede esas terras ao Estado para a súa explotación, iso si, compartindo os beneficios no caso de que os haxa.

Sobre este asunto interesouse nos últimos días o Partido Popular de Cedeira, desde onde se criticou a mala xestión que sobre este asunto estaba a levarse a cabo desde o goberno de José Luís Vergara. O propio alcalde confirmou a este diario que o Concello non tiña competencias neste asunto e que ao ser montes consorciados é a Xunta a que decide. Na mesma liña manifestouse José Manuel Zapata, quen esgrimiu que a decisión de vender a madeira e as condicións da operación corresponden unicamente á administración autonómica. Tamén asegurou que se trata de "montes catalogados como de titularidade pública".

Danos
A superficie aproximada que resultou afectada na Capelada rolda as 335 hectáreas, das cales 56 son exclusivamente da Xunta e as 279 restantes están consorciadas, é dicir, o Concello percibiría a metade dos beneficios procedentes da súa venda, ao ser o propietario das mesmas.

En canto ao traballo realizado polos enxeñeiros forestais e persoal do Distrito 1, foi moi laborioso, segundo confirmou Zapata, quen explicou que tras a análise de danos procedeuse a cortar as árbores irrecuperables. O xefe de distrito tamén asegurou que se tentou facer unha talla selectiva, aínda que nalgunhas zonas, debido á magnitude dos danos, debeu cortarse o 100% da área afectada. Por outra banda, o acceso a algunhas zonas foi especialmente dificultoso, xa que o temporal non só danou as árbores, tamén as conexións por camiños forestais ou estradas.

O "Klaus" tamén malogrou un proxecto posto en marcha desde o Distrito Forestal I para dar a coñecer os traballos iniciados polos forestais nos montes da zona. Trátase dunha ruta autoguiada que quedou impracticable, segundo confirmou Zapata.

Crise
Tendo en conta que o sector da construción é un dos principais demandantes de madeira, a venda deste produto está a sufrir "un desastre de prezos", tal e como puxo de manifesto José Manuel Zapata. O sector vive nestes momentos un complicado momento de reaxuste da súa actividade, o que condicionou que os beneficios por estas operacións diminúan de forma considerable. De feito, segundo Zapata, a madeira da Capelada "vendeuse por unha cantidade tres veces menor á establecida antes da época de crise". Así, neste caso concreto, o prezo medio resultante de vender esta madeira, na súa maioría de piñeiro, rolda os nove euros por tonelada, co que a venda das 14.400 toneladas que se prevían recoller inicialmente -aínda non finalizou o proceso, co que non hai cifras definitivas- arroxarían uns beneficios próximos aos 129.600 euros. Desta cantidade, o Concello percibiría a metade da parte equivalente á madeira extraída das 279 hectáreas de titularidade municipal.

Na depreciación do produto inflúen varios factores, segundo explicou o xefe de distrito, ademais da crise na construción, que os danos se producisen nun mes moi húmido, xa que nestas condicións a madeira tende a danarse moito empeorando a súa calidade e obrigando a vender con máis prema. Por outra banda, a posibilidade de deixala nos montes en busca de mellores oportunidades económicas tamén se refugou debido a que aumenta o risco de incendios. Así mesmo, canto máis tempo pase, máis hai que agardar para repoboar a zona -cuxo estudo está xa en proxecto-, o que leva unha nova perda, xa que canto antes plántense árbores de novo antes iniciarán o seu proceso de crecemento, segundo informou José Manuel Zapata. Outro factor negativo ao que fixo alusión o responsable do Distrito Forestal da comarca é o feito de que moitos exemplares quedaron partidos tras o paso do "Klaus", o que dificultou o seu aproveitamento. Tampouco axudou que o temporal afectase tamén aos montes do litoral de Francia, desde onde se colocou o material no mercado con gran rapidez, segundo explicou Zapata.

Link: DFONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=389