MIUDIÑO - Por Vicente Araguas
Fecha Martes, 23 junio a las 18:51:08
Tema PHP-Nuke


Fechando a porta dunhas “Estacións Poéticas” que me tiveron ocupado na Casa de Galicia, entre 2006 e 2009, mentres andivo da man de Alfonso Sobrado Palomares, estivo con nós, en calidade de poeta, Luis Eduardo Aute. Todo un señor, que se brindou a acompañarnos polo cativo viático que a súa actuación conlevaba. Chiculate do loro nun país que en época de crise (tamén ideolóxica) o primeiro que fai é aplicar a navalla de suprimir gastos á cultura. Isto é así desde os tempos de Galdós, lean “Miau”, por exemplo, que é cando a maquinaría estatal comezou burocratizarse a fondo.


De esquerda á dereita: Aute, Ramón Jimenez, Vicente Araguas, María Lado
© 2009 - Isabel Abelleira

Así e todo o amigo Aute veu con nós o 17 de xuño, despedir o que se daba, na compaña de María Lado, presentada a “Estación” como as precedentes (en numéro de 32) por este nedense. María Lado é poeta rachada pero igualmente tan tenra que gañas dan de achuchala, a ela e máis ao recén que con ela viaxa. A ela e á súa poesía.


De esquerda á dereita:Ramón Jimenez, Jane Danko, Aute
© 2009 - Isabel Abelleira



A de Aute, en cambio, rula e rola polos sendeiros do humor, tamén do humor negro, evocador dunha vella tradición española. Morte, erotismo, parafernalia transgresora con gargalladas, entre a sátira quevediana e as greguerias de Ramón, van enchendo de razóns a poética (pictórica e hímnica) deste señor filipino xa dúas veces presente en Ferrol (cando menos). Aute está nunha forma sobranceira, e veu fechar unhas “Sesións” que atoparán outro abeiro axiña. Na Casa de Galicia, xa se sabe, “múdanse os tempos, múdanse as vontades”. E non pasa nada.



Estacións Poéticas
© 2009 - Jane Danko



De esquerda á dereita:Isabel Abelleira, Aute, Jane Danko
© 2009 - Ramón Jimenez



Aute, Jane Danko
© 2009 - Isabel Abelleira



  Luis Eduardo Aute
© 2009 - Jane Danko

MARÍA LADO
Licenciada en Filoloxía Galega, María Lado dedícase profesionalmente ao teatro. Dende os seus inicios vinculouse ao Batallón Literario da Costa da Morte e así os seus primeiros poemas figuran nos libros editados por este grupo: Nós (1997), O entrelazo das palabras (1999) e Narradoras (2000), neste último dando a coñecer a súa faceta de prosista.Ademais de en numerosas revistas literarias (como Alquimia, Dorna o Bravú) podemos encontrar poemas de María Lado nas antoloxías dEfecto 2000. Antoloxía de poetas dos 90 (1999) e A península de Babel (Revista Comentário, Lisboa, 2001). O seu primeiro volume individual, A primeira visión, data de 1997 e nel destaca un discurso centrado na presenza do cotián e das couss máis pequenas que adquiren unha nova dimensión a través dun verso que rompe coas convencións formais. Do mesmo estilo é a súa segunda obra: Casa atlántica, casa cabaret (2001), que conta cunha edición dixital en formato autolibro, recitado pola autora e musicado por Fanny e Alexander. Con Nove foi premio poesía Avelina Valladares.Explorando outras linguaxes para a expresión poética realizou pequenas videocreacións como Sombra06 Café ou Estremas, e outras pezas coas que acompaña os recitais.Colabora con reseñas e artigos en diversos medios de prensa escrita e radio.É tamén autora, xunto coa artista Julia Montilla do guión da radionovela Novembro, emitida na Radio Galega en 2005.

LUIS EDUARDO AUTE
Máis coñecido como cantautor, Aute é tamén pintor, cineasta, escultor, músico e, por enriba de todo, poeta. Como fugado do Renacemento, o seu xenio discorre infatigable e curioso en constante "transfiguración" artística. Pero a universalidade da súa Poética non só deriva desta mutación expresiva senón que desborda o temporal.Na súa arte latexa o primitivismo máis "animal", a lírica greco-latina do "carpe diem", o medievo "Ubi sunt?", o romanticismo, o barroco, a mística sanxoanista, o surrealismo, calquera brote de beleza acrisólase no seu espírito artístico que nin atende a escolas, nin entende de fronteiras porque todo o transcende. Os seus versos  nútrense dos grandes temas da literatura: o amor, o desamor, a vida, a morte, as luces e as sombras que encadean ou liberan ao ser humano, que é a súa maior obsesión.En 1975 aparece o seu primeiro poemario, La matemática del espejo, onde a dúbida fecunda a súa irrefrenable ansia de libertade, a sátira canalízase por inxeniosos recursos sintácticos, temáticos e de dicción e a crítica exércese a través da irónica elexía. Con La liturgia del desorden (1978), Aute reafírmase no ton conversacional e a desnudez léxica; os seus versos destilan unha fonda tenrura acechada pola morte. En 1986 escribe Templo de carne, exaltación suprema da mística amorosa de exquisito gusto polo simbolismo e a metáfora.Entre 1991 e 1994, Luis Eduardo Aute escribe o que el chama "poemigas", breves poemas onde o xenio poético libérase a través de alambicados xogos léxicos e semánticos. Grande alquimista da linguaxe, logra que a Palabra  se someta compracida aos caprichos malabares do creador.Con Volver al agua (2002) reedítanse os seus primeiros libros xa descatalogdos e Aute sorpréndenos cun belísimo poema que dá título a esta antoloxía.As súas últimas publicacións: "animaLtresD" (2005), "animaLhada" (2005) e "animaLhito" (2007).

Link: Isabel Abelleira, Jane Danko, Ramón Jimenez, Casa de Galicia en Madrid © 2009







Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=386