Un "intento de coaccionar a liberdade sindical"
Fecha Martes, 02 junio a las 18:58:50
Tema PHP-Nuke


O secretario comarcal da CIG en Ferrolterra, Xesús Anxo López Pintos, anunciou esta terza feira que ha recorrer ante a Audiencia Provincial da Coruña a sentenza que o condena a nove meses de prisión por unha suposta agresión a un axente da policía autonómica, ao considerar que non responde á realidade, e que se trata dun "intento de coaccionar a súa liberdade sindical".

O xulgado do Penal número 2 considerou probado que López Pintos "é autor criminalmente responsábel" dun "delito contra axentes da autoridade" e outro de lesións, por, supostamente, ter agredido cun croio a un policía durante os enfrontamentos entre os axentes e as mariscadoras, producidos en Mugardos en 2001, no marco do conflito entre as traballadoras e a patroa maior da confraría naquela altura, Oliva Bonome.

"Esta sentenza pretende anular, pola vía xudicial, unha persoa"
"Xesús Anxo López Pintos non é ningún delincuente", asegurou o propio sindicalista para encetar unha conferencia de prensa na que se trataba o seu caso. A seguir, López Pintos engadiu que "hai un intento de parar e coaccionar o labor sindical da CIG", e afirmou que, pese a sentirse baixo presión, non vai renunciar "á defensa dos traballadores". Nesta liña, insistiu en que nunca agrediu a policía, e que, pola contra, tanto el coma varias mariscadoras resultaron lesionadas durante aquel altercado.

Na súa quenda, o secretario de organización da CIG na comarca, Francisco Cartelle, engadiu que "non é casual esta sentenza na figura dun sindicalista", xa que, "ante as leis laborais que favorecen os empresarios, a xustiza non actúa". Ademais de sinalar que este sentenza "pretende anular, pola vía xudicial, unha persoa", Cartelle dixo que dende a central sindical non van "cesar na defensa dos intereses dos traballadores, aínda que teñamos que estar nos xulgados".

Link: VIONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=335