Concello de Cedeira ::: Nota de prensa
Fecha Jueves, 03 marzo a las 16:50:42
Tema PHP-Nuke


COMEZA UNHA EXPERIENCIA PILOTO DE COMPOSTAXE CASEIRA CON 35 FAMILIAS DAS PARROQUIAS DE PIÑEIRO E ESTEIRO

Cedeira, 2 de marzo de 2016.-

O Concello de Cedeira comeza, en colaboración con Adega, unha experiencia piloto de compostaxe caseira que se desenvolverá nas parroquias de Esteiro e Piñeiro ao longo dos vindeiros meses.

Trinta e cinco familias destas zonas terán cadanseu composteiro no que depositarán restos de podas, herba e sobras de alimentos dacordo con certas pautas que lles serán explicadas nunhas charlas preparatorias -que impartirá un biólogo de Adega no mes de abril- para poder obter un compost de calidade que usar como fertilizante.

O concelleiro de Medio Ambiente, Camilo Casal, indicou que esta primeira toma de contacto co mundo da compostaxe terá un seguemento personalizado, de xeito que poida corrixirse o que se fai mal en cada caso -tanto na propia mestura como á hora de remexela, por exemplo- para lograr un resultado final satisfactorio.

Posteriormente está previsto estender a experiencia a outras parroquias, co obxectivo final de reducir os residuos que se depositan na bolsa negra e, polo tanto, a cantidade que ten que pagar o Concello a Sogama. En vindeiras fases preténdese ter composteiros colectivos no canto de individuais e, se o sistema chega a asentarse, incluso suprimir nalgunhas zonas os contedores para residuos orgánicos, buscando un método de recollida máis acorde coa nova realidade.

Camilo Casal destacou o carácter educativo desta experiencia de compostaxe caseira porque cada un faise responsable dos propios residuos. Tamén incidiu na importancia de seguir as pautas establecidas, porque aínda que moita xente maior considera que este tipo de reutilización xa se fixo “toda a vida”, para que o fertilizante sexa de boa calidade é necesario que se cumpran determinados requisitos relacionados co control da temperatura, a humidade, etc.

Reunión sobre mobilidade

Por outra parte, Casal -que representou ao Concello cedeirés na reunión sobre mobilidade que tivo lugar onte en Moeche- insistiu na insuficiencia das comunicacións con Ferrol, Campo do Hospital e Ortigueira e cualificou os horarios de “disparatados”. “Se tes na cabeza que hai un transporte metropolitano que funciona ben e as frecuencias a Cedeira están en función diso podería entenderse, pero moito nos tememos que non é así”, dixo, “é que non hai criterio”.

O concelleiro asegurou que a administración autonómica “ten que poñer as pilas”, porque á marxe das empresas a última responsable en temas de transporte é a Xunta.  “Non temos por que andar os Concellos de inspectores”, sentenciou.



Link: Concello de Cedeira






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=2758