Concello de Cedeira ::: Mar
Fecha Sábado, 26 septiembre a las 18:58:58
Tema PHP-Nuke


A Xunta creará un grupo de traballo coa frota da volanta para avanzar na súa organización e xestión. Anunciouno a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, tras a xuntanza que mantivo esta tarde -acompañada do secretario xeral do Mar, Juan Maneiro- con representantes do sector volanteiro de Cedeira, da Asociación de Volanteiros de Galicia (AVOGA), da Asociación de volanteiros do Cantábrico-Noroeste (AVOCANO), da Asociación de Buques de artes fixas do Cantábrico-Noroeste e da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

A conselleira valorou a reunión como moi satisfactoria e destacou que “é a primeira vez na historia que se xuntan todas as diferentes asociacións que representan á frota da volanta de Galicia”. En canto ao grupo de traballo, informou de que se constituirá a próxima semana e que ten como obxectivo impulsar a organización deste sector e “facer unha mellor xestión das posibilidades de pesca das que dispoñen”, explicou.

Neste sentido, a conselleira pediu un pouco de tranquilidade e apelou á busca de mellores vías de comercialización e de aportar “máis valor aos nosos produtos, porque as posibilidades de pesca están limitadas”, advertiu. Engadiu ademais que a Administración é consciente das dificultades que pasa o sector e por iso cada ano a Xunta traballa con argumentos para tratar de incrementar as posibilidades de pesca que se deciden en Bruxelas para todos os Estados membros. De feito, destacou, “a día de hoxe temos un 70% máis de cota de pescada sur da que tiñamos en 2009”.

Durante a xuntanza a titular de Medio Rural e Mar tamén se comprometeu a consultar co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a posibilidade de estudar se hai frotas ás que lle sobren cotas de pesca e, se é así, facer un reparto para as que dispoñen de menos. O máis importante é que a o noso sector aproveite da mellor maneira posible os recursos, subliñou.

Outra das posibilidades que se tratou na xuntanza é a de intercambiar cota con outros países, unha opción que hai que estudar con moito detalle, advertiu a conselleira, co obxectivo de non prexudicar a ningunha modalidade de pesca.


© 2015 - Xunta de Galicia


Link: Xunta de Galicia






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=2693