Invitados ás festas de Cedeira
Fecha Domingo, 26 abril a las 11:29:53
Tema PHP-Nuke


Este ano, as festas de Cedeira queren gañar forza. O Concello da localidade decidiu constituír unha comisión despois de que durante os últimos anos fose o Concello quen se responsabilizase da súa organización. A case tres meses da cita, o secretario da comisión, o empresario Julio Beceiro, desvela que o grupo M-Clan será un dos invitados estrela cunha actuación programada para o 15 de agosto. Ese mesmo día tamén se subirán ao escenario Os Satélites e Rebeca.

As festas arrincarán o próximo 24 de xullo con catro grupos de Cedeira. Ao día seguinte tocaralle a quenda aos Limóns e Javier Urquijo -fundador dos Segredos- en conxunto e Malavida e o 26 de xullo varias bandas de gaitas e unha orquestra amenizarán a semana festiva de Cedeira.

Festas patronais

Pero será do 12 ao 27 de agosto cando se celebren as festas patronais. Durante estes días, ademais de M-Clan, Cedeira contará coa música de gaitas, bandas, corais, pasacalles, pases brasileiros e de mariachi, a actuación do grupo folk galego Berrogüetto e varias orquestras, entre elas unha Big Band. Todo acompañado de actividades infantís e unha gran oferta gastronómica. Con iso, a comisión pretende «revitalizar o municipio e superar as festas celebradas ata agora sen desprezar o labor do Concello, pois bastante conseguiu co seu escaso orzamento», asegura Beceiro. A comisión de festas, integrada por unha decena de empresarios, tamén se propuxo recuperar unha revista que deixou de editarse fai agora quince anos. Con motivo das festas, publicarase un só número que recollerá as actividades previstas para o verán. Tamén servirá para que se anuncien os comercios da cidade, «unha forma de conseguir financiamento para organizar as festas». Co mesmo obxectivo a comisión realizará varios sorteos e pedirá a colaboración das empresas.

 Comisión comarcal

Para dotar de maior calidade ás próximas edicións das festas de Cedeira, o Concello aposta por crear unha comisión mixta formada polo Concello, outros municipios próximos e unha empresa organizadora de eventos. O obxectivo, segundo explica o alcalde da localidade, José Luis Vergara, non é outro que «potenciar unidos o valor desta zona». Tendo en conta que «quen visita Cedeira percorre tamén os municipios máis próximos, poderiamos impulsar conxuntamente a celebración das nosas festas e aumentar así o atractivo da comarca». Ademais, segundo explica Beceiro, tamén presidente da recentemente creada Asociación de Empresarios de Cedeira, esta fórmula «evitaría que os concellos teñan que preocuparse da organización das festas». Segundo explica, a comisión mixta «é un modelo que xa se está utilizando desde fai tempo noutras cidades españolas como, por exemplo, Xixón». Por iso, o alcalde da localidade de Cedeira baralla a posibilidade de presentar proximamente esta iniciativa aos dirixentes locais doutros municipios, entre eles os veciños Ortigueira e Cariño .

Link: VONLine







Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=239