BNG Cedeira - Praia e beirarrúas
Fecha Viernes, 21 marzo a las 18:06:07
Tema PHP-Nuke


Tanto o BNG como a poboación cedeiresa en xeral seguimos asistindo ao xeito de facer política do goberno municipal popular de Cedeira, a golpe de titular de prensa, iso si como xa vimos denunciando dende hai tempo, abusando da súa maioría absoluta e sen ter en conta a ninguén. E é así, por un titular, como o BNG vimos de enterarnos que o grande problema da praia da Madalena vaise solucionar cunha actuación puntual que a vai deixar como nova para o verán. E nós, como supoñemos o resto da poboación preguntámonos, e isto de onde sae?, quen o decide? que informes técnicos avalan este plan?

O BNG tal e como manifestábamos na pregunta que levamos ao Congreso dos Deputados(rexistrada en data 12/03/14), temos que seguir a insistir na necesidade dunha actuación integral que resolva verdadeiramente o problema así como na inacción do goberno municipal cedeirés con respecto a este tema dende o comezo desta lexislatura.

Temos que falar tamén por “aclamación popular”, na nosa vila non se fala doutra cousa, doutro exemplo recente desta política de titulares, “a humanización do noso querido pobo”, eufemismo empregado polo goberno popular para xustificar as obras que están a realizar nas beirarrúas e que nos teñen a todas e todos cando menos en estado de “shock”. É inexplicable o estreitamento das estradas en puntos de confluencia como no acceso á Vila dende a ponte vella (hai pouco xa se rexistrou un grave accidente nesa área), o acceso ao peirao, á ponte nova, ou as ampliacións das beirarrúas ao pé da parada de taxis e o desprazamento da parada de buses. Actuacións fóra de todo o que é racional e que ademais suprime unha gran cantidade de prazas de aparcamento. Aconsellámoslles aos integrantes do grupo de goberno que falen coa xente, e que lle expliquen que vai pasar en agosto, onde imos aparcar?. Si xa nos veráns pasados puidemos ver como ata a ponte nova estaba chea de coches aparcados, que pasará este, acabarán as beirarrúas novas tamén cheas de coches. Que alternativa se lle dará ás persoas que teñan que acudir a un supermercado para unha compra semanal por exemplo, onde poderán aparcar, en San Isidro, no verán nin iso é fácil.

O BNG cremos na humanización urbanística, pero racional, non nas ampliacións de beirarrúas, nalgún caso según comenta a xente, para favorecer algún negocio privado e noutros sen ningún tipo de explicación. O urbanismo cedeirés é o que é grazas aos corenta anos de gobernos populares e agora isto. Sen olvidar que querendo gastar nas beirarrúas, terían ben onde facelo, en todas as que temos hai baldosas soltas que necesitan reparación, outras están invadidas por malas herbas, non sería mellor reparar o que temos que tirar os cartos de todos desta maneira?

María Xosé Rodríguez Pérez, portavoz municipal do BNG de Cedeira.


©2014 - BNG Cedeira

Dcto. orixinal (PDF): preme aquí



Link: BNG Cedeira






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=2382