Concello de Cedeira - PLENO
Fecha Martes, 24 diciembre a las 18:14:24
Tema PHP-Nuke


A tensión acumulada estalou ao final do segundo pleno extraordinario celebrado onte. No primeiro aprobouse definitivamente a ordenanza que regula o Imposto de Bens Inmobles (IBI), coa negativa de PSOE e BNG, tanto pola subida que implica como pola inutilidade formal, ao abordar este asunto días despois de aprobar o orzamento.

Pero a rifa chegou na segunda sesión, solicitada polos socialistas para tratar o traslado dos maiores a un local da praza Roxa e o incremento do IBI. A oposición e o público, que enchía os bancos, abandonaron o pleno en solidariedade con Jorge Juan Álvarez Castrillón, o técnico que asina as alegacións presentadas contra o aumento do IBI, expulsado polo alcalde en funcións, Alfredo Vilela, despois de que se dirixise, en voz alta, primeiro ao executivo: «Queremos que baixen os impostos, é unha cuestión social, non técnica».

E despois ao público, que lle secundou cun sonoro «si, si, si, si...». Houbo quen apuntou que «nin con Leopoldo (Rubido) pasaba isto». «Xa aguantamos bastante», declarou o portavoz do goberno, Luis Rubido, tras a sesión, en referencia aos comentarios dos asistentes, que evidenciaron o seu malestar polo aumento da contribución e polo traslado do centro de maiores.

Antes do precipitado final, o portavoz socialista, José Luis Vergara, que aludiu ás 770 firmas solicitadas en contra, recriminou ao PP «que non tivo reparo en subir o valor catastral de todas ás propiedades de Cedeira de maneira esaxerada». «Van recoller 150.000 euros máis de IBI (en 2014, fronte a 2013) para levar os seus petos cheos para a súa casa», criticou, polo aumento, en 2014, de 18.000 euros en gastos dos órganos de goberno, que Rubido insistiu en desmentir.

A portavoz nacionalista, María José Rodríguez, tachou de «barbaridade» a subida do tipo impositivo ao 0,55, en chan rural (desde o 0,30) e urbano (desde o 0,46), o que se suma «á suba de todas ás taxas e impostos neste mandato, sen que implique apoio ás familias necesitadas nin ao emprego». Vilela apelou á bonificación do 35 % no IBI rural e Rubido esgrimiu un informe comparativo cos concellos da zona, que sitúa a Cedeira entre os que aplican un tipo «menos gravoso». Neste documento, que leu o concelleiro Juan Carlos Romero , chégase a cualificar algún aspecto das alegacións como «acto de demagoxia pura e dura».

Link: VONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=2330