BNG Cedeira - Presupostos 2014
Fecha Miércoles, 18 diciembre a las 23:11:18
Tema PHP-Nuke


Este pasado mércores, 18 de decembro celebrouse no Concello de Cedeira un pleno extraordinario convocado polo grupo de goberno do PP co obxectivo de aprobar os presupostos para o 2014, incluíanse tamén na orde do día a disolución da fundación municipal Gerardo Villabrille e a aprobación do catálogo de postos de traballo do Concello de Cedeira para o ano 2014.

O BNG nada máis comezar o acto solicitamos que se retirara da orde do día o punto relativo á aprobación do presuposto, xa que consideramos que na cantidade prevista como ingresos procedentes do IBI, non se tiveran en conta nin as bonificacións aprobadas polos populares no pleno celebrado o 30 de outubro, nin a solicitude dun pleno extraordinario por parte do PSOE para debatir sobre o catastrazo, nin a presentación por parte de diversas Asociacións de Veciños deste Concello dun escrito acompañado de numerosas sinaturas, no que se solicita a rebaixa do tipo de gravamen do IBI, establecido para o ano que ven polo grupo de goberno popular nun 0,55%. A rebaixa proposta é que o tipo de gravamen sexa do 0,46% nos solos urbanos e do 0,30% nos rurais.

O grupo popular de goberno negouse a retirar o punto da orde do día iso si sen argumentar absolutamente nada en relación ao desequilibrio presupostario que suporá que nos seus presupostos non teñan en conta á hora de prever ingresos, nin as medidas que eles toman (as bonificacións das que falábamos non están incluídas nos ingresos polo IBI) . Pero o que aínda é máis grave para a saúde da democracia, é a total indiferencia que manifesta o goberno municipal con respecto ao que xustamente reclaman os veciños aos que gobernan.

O grupo municipal do BNG votamos en contra da aprobación dos presupostos despois de expoñer a nosa argumentación a este respecto. Argumentación que imos a facer tamén aquí porque nos parece fundamental que toda a veciñanza estea informada do que se fai cos cartos de todos.

Así o máis destacable do capítulo de ingresos sería:

 ·         O aumento dos ingresos polo IBI, ou ingresos xerados pola comunmente denominada contribución. Ingresos que pasan, nos bens de natureza urbana de 1.100.000 € deste ano 2013, a 1.250.000 previstos para o 2014. Supoñen polo tanto un incremento de 150.000 €. Revisando presupostos de anos anteriores, pódese facer unha comparativa moi sinxela e cuns resultados realmente abrumadores. No ano 2007, os ingresos do Concello polo concepto IBI foron de 716.000 €, metras que o orzamentado para o 2014 (só de natureza urbana) é de 1.250.000 €. É dicir, en 7 anos o incremento destes ingresos é practicamente dun 100%. O que o BNG queremos amosar con este exemplo é algo moi claro, comparamos os ingresos do ano 2007 como referente de ano “precrise” cos previstos para o 2014 e o máis apreciable é que xustamente cando estamos a vivir tempos de gravísima crise económica, ou as consecuencias da crise do sistema financieiro, de políticas de recortes brutais por parte dos gobernos do PP, as veciñas e veciños de Cedeira imos pagar só polo IBI de natureza urbana 1.250.000 €. Cando máis dificultades ten a poboación en xeral e a do noso pobo en particular para saír adiante, para comer, para chegar a fin de mes, para pagar as subidas de todos os impostos, gobérnase de espaldas á poboación, sen ter en conta as súas necesidades, só se conta con ela para que pague taxas e impostos, e o goberno municipal dá boa mostra disto. En concreto no caso do IBI as previsións non teñen en conta as bonificacións que eles mesmos aprobaron para engadir a súa ponencia de valores do 2013, nin tampouco ao pleno que aínda se ten que celebrar para a revisión precisamente da ponencia de valores, nin ás alegacións que varias asociacións veciñais presentaron contra o establecemento do tipo impositivo único do 0,55%. O grupo de goberno municipal do PP teñen a todo o mundo en contra da suba da porcentaxe de pago dos recibos da contribución pero non escoitan a ninguén nin entran en razón.

·         Para seguir coa comparativa que establecíamos entre o ano 2007 e 2014, imos facela agora tamén cos ingresos xerados pola aportación dos parques eólicos. 72.800 € no 2007 e 87.000 € no 2014. Parece que no que nos afecta a todos, os pagos dispáranse pero si os afectados son empresas, neste caso eléctricas non se disparan tanto.

·         Continuando co estado dos ingresos e en relación á taxa por ocupación de terreos con postos e barracas, o grupo popular de goberno, prevé uns ingresos de 30.000 €, iso si so garantizan (segundo o informe da intervención) 3.000 € e si o necesitaran contan con 27.000 € do reseñado para cultura. A xestión do PP con respecto ao feirón mensual durante toda esta lexislatura foi catastrófica e o que se pode ler entre liñas é que o que pretenden é eliminalo. Resulta incomprensible porque o feirón funciona como un auténtico dinamizador da economía local. Pero a este goberno municipal dálle igual, a idea de facelo e poñelo en funcionamento non foi de ningún goberno do PP e vese que iso lles molesta moito. Habería que preguntarse tamén si non tiñan outra partida coa que meterse que coa de cultura. Que é a cultura para este goberno municipal, un comodín ao que no caso de que falle unha previsión quítanselle 27.000 €?.

·         Con respecto aos ingresos o BNG preguntamos tamén en que gastaron, si é que o fixeron e en que pensan gastar a subvención da Xunta para o PXOM por un importe tanto en 2013 como en 2014 de 30.365,28 €. Por certo o BNG aproveitamos tamén para recordarlle ao grupo de goberno municipal que a comisión creada por eles ao principio da lexislatura para tratar de temas urbanísticos aínda non se convocou nunca.

Pasemos agora ao estado dos gastos;

Para empezar, aumentan os gastos relativos á partida de retribucións dos órganos de goberno. Establécese ademais unha excesiva retribución por asistencia a sesións da Xunta de Goberno Local, 186 € que multiplica por 3 a retribución por asistencia a plenos, 60 €. O BNG propoñemos que se equiparen estas retribucións, considerando tamén a baixada dos 60 € por pleno. En relación aos gastos de móbiles do grupo de goberno municipal, establecidos en 40 € mensuais para os tenentes de alcalde e 30 € para o resto dos concelleiros é obrigado tamén propoñer a búsqueda de tarifas máis baratas.

E que dicir do aluguer do local de maiores?, gasto innecesario que conta coa oposición dos afectados, que só en aluguer no 2014 vai supor un gasto de 12.000 € ao que habería que engadir o orzamentado en distintos apartados incluídos no epígrafe de “acción social”?. Si sumamos o aluguer, 12.000 € + subministro eléctrico, 1.000 € + limpeza, 2.400 €+ mobiliario e enseres  9.000 €, temos un total de 24.400 €, e seguramente nos quedamos cortos porque as denominacións dos presupostos son demasiado xenéricas e pode haber máis gastos non apreciables nos mesmos de forma directa. Un derroche sen ningún tipo de xustificación que por exemplo permitiría a contratación de varias persoas para axuda no fogar, ou que non se teñan que pagar talleres como o que o grupo popular publicitaban días atrás na prensa, dirixidos a persoas con alzheimer e cun coste por participante de 100 a 150 €. En que mundo vive o goberno municipal? Son conscientes das pensións que cobran os nosos maiores?

Sobre o gasto de recollida do lixo, 660.000 €, botase de menos unha pormenorización deste gasto. Sabemos o que lle vai pagar o Concello a Celtaprix ou o que nos costa a todos a privatización dun servizo que debe de ser público, 426.457,24 €. Pensan vostedes pagarlle a suba do canon a Sogama?. No último pleno ordinario aprobouse por unanimidade a nosa moción, do BNG, en contra e o que nós defendemos é que se busquen modelos alternativos baseados na reciclaxe, compostaxe e reutilización. Imos volver a establecer a comparación co ano 2007, no que o gasto total no servizo de limpeza foi de 447.000 €, agora 7 anos despois 220.000 € máis (35 millóns das antigas pesetas). Datos que nos amosan o fracaso das políticas privatizadoras dos servizos públicos que fixeron e continúan a facer nalgúns Concellos os gobernos do PP, mentras ca noutros, servizos que se privatizaran como o da auga ou do lixo estanse volvendo a facer públicos polo esaxerado gasto que supón manter as privatizacións.

O Gasto total en enerxía eléctrica é tamén moi significativo, 275.000 €, o que supón un gasto aproximado de 4 millóns das antigas pesetas ao mes. E é verdade que neste tema o Concello ao igual que todos a nivel particular sufrimos as brutais subidas do recibo da luz, pero é o PP, no goberno do estado o que permite e impón os abusos nestes recibos, con consecuencias desastrosas para a economía dos usuarios e con ganancias millonarias para as empresas subministradoras de electricidade.

Chamounos tamén a atención na análise destes presupostos no relativo a administración financieira uns intereses de demora de 35.000 €, que pasa con eles, pérdense ou pénsanse recuperar?

Sobre  o reparto das subvencións por parte do grupo de goberno municipal, xa vimos publicado en diversos medios de comunicación protestas con respecto ao mesmo e dende o BNG insistimos na necesidade de que se establezcan criterios claros e transparentes para a obtención das mesmas pero o goberno municipal non parece estar pola labor.

Xa para rematar e a xeito de conclusión, para o BNG o presuposto presentado polo goberno do PP é un presuposto agotado antes de empezar. Non hai ningunha previsión orzamentaria que poida supoñer unha reactivación económica para o noso Concello. Non se aposta por absolutamente nada, os seus “estupendos” plans en investimentos redúcense ao aluguer dun local innecesario e ás obras incluídas no POS 2014 (Plan de Obras da Deputación), plans os dous aos que o BNG xa nos opuxemos cando foron tratados en anteriores plenos.

Temos que dicir ademais que estes presupostos son un bo exemplo do que é un goberno do PP, o que é unha política de dereitas, nas que non se teñen en conta as necesidades nin as demandas sociais, na que se abusa dunha maioría absoluta sen buscar nunca consensos que garantan o ben público. Por iso e por todo o exposto o BNG votamos en contra.

María Xosé Rodríguez Pérez, portavoz municipal do BNG de Cedeira


© 2013- BNG Cedeira

Dcto. orixinal (PDF): preme aquí


Link: BNG Cedeira






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=2318