BNG - CEDEIRA
Fecha Viernes, 06 diciembre a las 11:01:42
Tema PHP-Nuke


A triste renuncia dun alcalde


Onte, xoves 5 de decembro do 2013 celebrouse un pleno extraordinario urxente no Concello de Cedeira con motivo da renuncia aos cargos de alcalde e concelleiro do PP do Sr. Leopoldo Rubido Ramonde.

É verdade que levábamos moito tempo escoitando rumores, circulaban por toda a vila xa dende antes do verán, de que isto ía pasar e ao BNG non é que nos collera a noticia por sorpresa. O que si nos pareceu sorprendente foron as formas nas que se produciu a renuncia.

Convócase un pleno extraordinario urxente dun día para outro cando o pasado venres, 29 de novembro se celebraron non unha senón dúas sesións plenarias, unha ordinaria e outra extraordinaria e ademais a convocatoria de hoxe era para as 9.30 da mañá, cando practicamente todos os plenos que se levan celebrado nesta lexislatura nunca son antes das 12, houbo algún incluso ás 13:30.

A convocatoria tan de mañá fíxosenos un tanto rara e parecía como si non se quixera darlle moita publicidade ao asunto e incluso había quen dicía que a hora era esa para evitar que houbera público.

Unha vez iniciado o pleno o aínda alcalde procedeu a ler o discurso da súa renuncia no que sinalou que deixaba os cargos para darlle paso a xente nova e ademais de darlle grazas a Deus por terlle axudado na súa adicación política e manifestar a súa lealtade ao Rei de España non dixo nada máis. Perdón si que deixaba o pobo precioso…É ese o discurso político dunha persoa que leva dende o ano 1973, agás dúas lexislaturas de alcaldes do BNG e do PSOE, gobernando Cedeira? Só pode facer ese balance do seu goberno case infinito? Non resulta realmente moi triste despois de corenta anos en política non ter nada máis que dicir?. Imaxinamos que evitou  todo o que el consideraría que sería darnos pé á oposición para que nos extendéramos explicándolle que é realmente o que o pobo de Cedeira lle debe, o gran desenvolvemento urbanístico (rúas de novo trazado con ángulos imposibles, estreitas, desfeita de prazas e inmobles con valor patrimonial, gran sistema de saneamento…) as boísimas vías de comunicación que fixeron florecer un desenvolvemento empresarial sen parangón, o perfecto estado da praia da Magdalena, o exercizo dunha política propia dos anos 70 ou anteriores que nunca abandonou…, en fin poderíamos encher páxinas e páxinas poñendo a xestión política deste señor no seu sitio.

Pero volvendo ao pleno de onte, o BNG aproveitamos a despedida do alcalde para dicirlle que o que debería era pedir desculpas sobre todo pola súa falta de respecto ás persoas maiores que asistiron a todos os plenos nos que se trataba o polémico tema do traslado do local social de maiores do auditorio a un local alugado na praza Roxa. Falta de respecto que foi moi evidente no pleno extraordinario do 29 de novembro onde sen ter en conta a ninguén, rematou a sesión cando mellor lle pareceu. Desculpar non se disculpou, rematou a sesión o máis axiña que puido e desapareceu.

Por todo isto é polo que dicíamos ao principio que nos pareceu todo moi triste, moi feito á presa como índose pola porta de atrás e sen dar ocasión a nadie de que se achegaran a falar con el, non houbo nin aplausos ao remate, en fin o dito unha tristeza.

María Xosé Rodríguez Pérez, portavoz municipal do BNG de Cedeira


© 2013 - BNG Cedeira
Dcto. orixinal (PDF) : preme aquí


Link: BNG Cedeira






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=2295