Salvar o honor da razón, por Gabriel Beceiro
Fecha Jueves, 03 octubre a las 20:11:04
Tema PHP-Nuke


Un artigo de Gabriel Beceiro publicado en SomosCedeira.


"A airada reacción da Cámara de Goberno de Cedeira pertence máis ao ámbito psicopolítico do que á xestión  dos asuntos cotiáns. Por que? Non están afeitos.  Estáselles a facer sana oposición dende a sociedade civil, dende a imprecisa ubicuidade da Rede e con nomes e apelidos.

Nun tempo no que o compromiso coa razón democrática escasea quenes levan décadas de malentender o que significa gobernar en maioría, veñen de atoparse co reverso das súas palabras. Xa o dicía Kant: o que “hai que salvar é o honor da razón” porque perdela é perder o mundo, o noso, este recanto galego chamado Cedeira. Porén, como domesticar non poden, só se lles ocurre  apelar ao honor das persoas como se fosen os únicos depositarios dese dereito. A asimetría é grande porque aquí dinse as cousas na ágora  e non en SMS. Típico de quen goberna a golpe de prexuizo e nula capacidade de diálogo. E non só iso, nada máis e nada menos que se alega “intromisión en su derecho al honor”. O que na Constitución española vén tipificado no artigo 18.1, esquecéndose nun lapsus do artigo 20 do mesmo texto, o da intromisión na liberdade de expresión  e información que  garanten a formación dunha opinión pública libre. Onde é que está o límite de un respeito do outro? Poderían especificar en qué se substancia a suposta “intromisión” no honor? Porque agora e non antes?




Os avogados saben que hai unha xurisprudencia pacífica sobre os criterios a seguir para  decidir se unha actuación é extralimitada ou non. Produce pruído comprobar, como dí Josep Ramoneda, que entre os representantes públicos  ainda haxa quen non recoñeza que “toda crenza compartida é un xuizo que non xulga, unha certeza que non se pón en causa, unha proposta que non se examina.”

O dereito á información consiste no dereito a emeter e producer ideas, pensamentos e opinións, a comunicar e receber información veraz- enxergada como o resultado de certa dilixencia por contrastar a información dada dacordo cos parámetros de quen informa- e da profesión xornalística, ainda que segundo o Tribunal Supremo, na sentencia 511/2012, se afirme que só sexa esixibel a veracidade cando a información insiste no descreto da persoa). No caso do o Centro de Maiores, cando se deu este suposto? Abofé que o historiador local de Cedeira lles podería trazar un  breve rascuño da árbore xenealóxica dos cedeirenses para comprobar o pouco tupido que é e de quen vén sendo cada quen. Sábeno moi ben e fan uso a discreción cando lles convén, non-si? Cando e onde se empregaron frase innecesarias, ofensivas ou que non teñen relación co que se está a dicir ? Mesmo tratándose de posibles expresións ofensivas a xurisprudencia acepta  a non-intromisión no honor se hai vincallo coa información dada ou a situación política e social do momento. A falta de transparencia e opacidade son mestres da cerimonia da confusión, que sempre axuda a facer o que a un lle peta.  Acaso informaron vostedes á cidadanía  do proceso de contractación con publicidade e transparencia ou vanlles millor os feitos consumados? En qué evidencia se basean para afirmar que os servizos para maiores se ubican en zonas comerciais na Galicia rural e vilega? Son sinónimos “comercial” e “céntrico”? Por exemplo,  están os servizos administrativos do Concello de Cedeira nunha zona “comercial” e “céntrica” cando a maior parte da poboación se concentra fora da vila vella? Si é así , porque levaron os “servizos sociais” para unha planta do Auditorio? Se o que vostedes fan non sirve para definir eses conceptos con políticas redistributivas que permitan dotar de tecido urbano ( servizos, equipamentos e recursos) dun xeito equilibrado, para que sirve entón a política? Para controlar e facer ideoloxía.

Pola contra, o dereito á liberdade de expresión ten maior alcance, xa que atinxe (a parte do contido do dereito de información) a liberdade de emeter xuizos, crenzas e pensamentos de tipo subxectivo e persoal, de tipo máis valorativo. Certo é que na práctica sempre é dificil afastar as dúas liberdades se concorren nun mesmo artigo.

Dicíamos antes que a “ameazante” reacción de quen goberna en Cedeira pertence ao psicopolítico, e preguntámonos: tantos prexuizos teñen que os elevaron a doutrina e non apenas a opción provisional, facendo deles unha peneira coa que tratar a toda a cidadanía disidente?

Como teñen a fachenda de  xustificar o traslado dun local público que vostedes mesmos proxectaron a outro privado en base a ser un local  ubicado en “zonas comerciais e céntricas” como se o actual Centro de Maiores e o Auditorio estiveran ubicados no medio da Capelada? Non foi Leopoldo Rubido quen decidiu a actual ubicación? Non ten nada que dicir perante o tamaño do desproposito de planificación? Cando lles van comunicar aos comerciantes da Area e a Silva que o  Centro de Maiores e do Auditorio están ubicados na periferia?

O caso é que foi o actual alcalde de Cedeira quen pactou coa congregación María Mediadora un proxecto sociocultural que acabou sendo un edificio encorsetado en altura e sen previsión de ningún tipo? Daquela ainda era centro.

Quen fixo da Praza Roxa centro? Vostedes. Porque teiman en centrarse aí precisamente agora? Non foi Leopodo Rubido quen propiciou un desenvolvimento urbano ateigado de calexas, sen zonas para aparcar  e para transitaren as persoas? Non foi este alcalde quen estragou a Praza da Rectoral cunha intervención que enterrou cartos nun mercado baixo terra e non permitiu o desenvolvimento comercial da vila vella? Cando propiciaron a súas políticas un desenvolvimento equilibrado de toda a zona urbana? Van teimar en seguir drenando servizos cara a Praza Roxa?

O que vostedes fan é ideoloxía dun só principio: quen goberna fai e desfai e pouco importan as razóns perante o poder por moi cativo que este sexa.

Mais hai un outro poder, o que o vello Kant nos lembraba a cada un de nós,   o da razón perante as arbitrariedades e os disparates. E o disparate véncese con tempo, información e política entendida como soberanía compartida e cooperación."

Link: SomosCedeira






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=2221