Rexeitar o plus de altos cargos
Fecha Miércoles, 15 abril a las 09:50:50 Tema PHP-Nuke
A Executiva en funcións do BNG non quere que os altos cargos das
consellerías nacionalistas que vaian retornar aos seus postos de
funcionarios despois do paso pola Xunta reclamen o “complemento de
destino” que lles correspondería en virtude da reforma da Lei da
Función Pública, aprobada polo bipartito. Con este chamamento, os
nacionalistas instan aos seus dirixentes na Administración autonómica a
rexeitar o cobro do coñecido popularmente como “plus dos altos cargos”,
un incremento salarial para os funcionarios que teñan desempañado un
cargo na Función Pública e que, na práctica, lembran, “é superior” aos
complementos estipulados “no máximo nivel da carreira administrativa”.
Iniciativa da cig
Con este chamamento, os
nacionalistas respaldan a Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola
Confederación Intersindical Galega (CIG) e que ten como obxectivo a
derrogación deste plus salarial, apoiado no momento da súa aprobación
por todos os grupos do Parlamento. En opinión da dirección do
Bloque, no actual contexto de crise económica “non se pode consolidar
unha situación que sería visto coma un privilexio por parte da inmensa
maioría dos cidadáns”, unha situación que, afirman, afectaría
especialmente ás “miles de persoas que están en situación de desemprego
ou temen polos seus postos de traballo”. A instrución ditada pola
Executiva nacionalista segue o camiño iniciado, semanas despois da
aprobación do plus dos altos cargos, pola directora xeral de Fomento e
Calidade da Vivenda, Encarna Otero. Naquela altura, a nacionalista
chomou á “desobediencia” para que os altos cargos non aceptasen os
beneficios que contempla a reforma da Lei de Función Pública e que,
ademais dun complemento ao seu salario como funcionarios, establece a
consolidación “de forma acelerada” do grao retributivo máis alto dos
contemplados nas diferentes escalas salariais da Administración
autonómica de Galicia.
Link: XORONLine
|
|