A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Orde do 26 de marzo de 2009 que modifica a Orde do 26 de outubro de 2004 pola que regula a alternancia de artes para embarcacións que faenen en augas interiores da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta revisión implica a posta en marcha dun sistema informático para anotar os cambios de arte e modalidade, o que suporá a desaparición do libro de rexistro de actividade pesqueira no prazo de dous meses. A normativa do ano 2004 xa contemplaba a posibilidade de que a Consellería de Pesca establecera un sistema informatizado de rexistro de cambios de arte. Por esta razón, nos últimos meses varias entidades do sector estiveron aplicando o novo mecanismo a través dun plan piloto co obxectivo de ter unha ferramenta máis áxil e eficaz para anotar a actividade da frota galega, acorde coas súas necesidades. Constatada a súa viabilidade e consultados os profesionais do mar procédese agora a facelo extensivo a todas as confrarías.
Deste xeito, queda sen contido o artigo incluído na Orde do 26 de outubro de 2004 relativo ao libro de rexistro da actividade e establécese que, co obxecto de identificar o aparello co que se traballa en cada momento e controlar o esforzo pesqueiro, as embarcacións con porto base en Galicia e con permiso de explotación, autorizadas a faenar no caladoiro cantábrico-noroeste, deberán rexistrar a arte coa que van traballar a través do portal
www.pescadegalicia.com.
Por isto será necesario anotar o inicio da actividade cunha das artes outorgadas no permiso de explotación ou os cambios de aparello entre aqueles autorizados no caso de embarcacións do censo de artes menores. Así mesmo, haberá que indicar as variacións temporais de modalidade; a inactividade, entendida como o cesamento de traballo pesqueiro por un período superior aos 15 días; e o comezo de actividade pesqueira dentro dun plan experimental.
Os rexistros da actividade pesqueira deberán ser solicitados polo patrón ou o armador dunha embarcación, que terán que acreditar a titularidade do permiso de explotación así como a autorización do despacho das capitanías marítimas. Estas peticións formularanse ante a confraría de pescadores, entidade asociativa do sector ou delegación territorial ou comarcal da Consellería de Pesca, cunha antelación mínima dun día e en caso de que o barco pase a inactividade, este feito rexistrarase a primeira xornada en que teña lugar.
Cando se rexistren os cambios de actividade referidos anteriormente, a confraría de pescadores, entidade asociativa do sector ou delegación de Pesca entregaralle ao armador ou ao patrón un do*****ento no que quedarán reflectidos todos os datos do armador e do buque, así como o último cambio de arte e un breve resumo do traballo exercido con anterioridade. Este escrito será selado polo organismo emisor e deberá ir sempre na embarcación.
Por outra banda, os patróns e armadores de barcos de artes menores terán que actualizar o rexistro da actividade pesqueira, aínda que non teña lugar o cambio de aparello, cunha periodicidade de tres meses. Este requisito non será obrigatorio para os demais censos, que só anotarán actividade no caso de dispor de variacións temporais de modalidade, participación nun plan ou inactividade da embarcación.
Ademais, cabe sinalar que unha vez que se anotan as artes dunha embarcación no sistema informático deixará de ter vixencia o seu libro de rexistro. Para isto, o organismo emisor estampará unha dilixencia, que deberá ser remitida ao Servizo de marisqueo e pesca da Dirección Xeral de Recursos Mariños, na que se indicará a data de comezo da alternancia co novo método.
En caso de que as confrarías ou entidades asociativas non poidan empregar o sistema informático por dificultades técnicas, comunicarán telefonicamente o despacho das embarcacións á delegación territorial ou comarcal correspondente, que lle remitirá vía fax o do*****ento cos datos do buque e do armador, o último cambio de arte e o resumo da actividade anterior debidamente selado.
Prohibicións
A Orde do 26 de marzo de 2009 publicada hoxe no DOG tamén establece a prohibición de calquera tipo de simultaneidade, de xeito que non se poderá pescar con máis dunha arte no mesmo día, ao tempo que non se poderá manter calado un aparello aínda que non se vire se se está empregando outro.
Ademais, estará prohibido ter a bordo artes diferentes ás que figuren no último rexistro ou máis pezas das permitidas, así como aparellos non regulados ou con mallas e medidas non regulamentarias. Tampouco estará permitido o rexistro de máis dunha arte para o mesmo día agás nos casos en que, anotado o cambio a recursos específicos, se xustifique por parte da confraría ou entidade asociativa do sector a decisión do colectivo implicado de non saír a faenar ou se produza un peche da zona de produción. En canto a este último suposto, cabe sinalar que se exceptúa a obrigatoriedade de levar a bordo o do*****ento de alternancia o día en que se produza a anulación do despacho realizada debidamente ante a Dirección Xeral de Recursos Mariños.
Por outra banda, un barco non poderá pescar cunha arte diferente a aquela que figure como última anotada, de modo que non terán efecto os cambios rexistrados a artes de pesca, marisqueo ou de recursos específicos en épocas, días e zonas distintas ás autorizadas polas correspondentes resolucións ou disposicións. Ademais, a normativa, que entrará en vigor a partires de mañá, determina que o rexistro da actividade pesqueira non exime do *****primento das disposicións que, en materia de despachos, son competencia das capitanías marítimas.
Link: XONLine