Cedeira: Máis computadores na biblioteca, depende
Fecha Lunes, 10 diciembre a las 20:07:23
Tema PHP-Nuke


Un artigo de Gabriel Beceiro publicado no OLLAPARO.

" O concelleiro Rubido promete máis computadoras para a Biblioteca López Cortón  que seica con seis había poucas.  Sempre queda ben para acontentar conciencias alegar dende unha concellaría que as intervencións se fan para satisfacer a demandas e necesidades dos cidadáns.  Acontece que a Biblioteca municipal de Cedeira hai moito, moito tempo que non resposta ás necesidades obxectivas – repito, obxectivas- dunha unidade de información que debe atender a unha poboación de 7000 habitantes, envellecida e ubicada nunha zona de dificil acceso. No ano e medio que asumin a dirección da biblioteca tiven que defrontar as eivas da falta de mantenimento do edificio durante décadas: graves filtracións no tellado que houbo que arranxar de urxencia e unha estructural falta de aillamento con efectos visibles nos materiais e na confortabilidade.  Os obxectivos da Biblioteca non conservan a súa validez, e non podia ser doutro modo cando o contexto e as ferramentas foron mudando e non sirven para dar continuidade a un servizo do que se descoñece a visión,  os obxectivos programáticos e se as decisións se basan nun estudo de usuarios ou en necesidades alleas ao ámbito social  e ás que lle son  próprias ao sistema de lectura.


Porén, antes de avanzar, cómpre expor aluns elementos que axuden a entender a organización da cultura escrita: a) sistemas de clasificación, b) canon de lecturas universalmente aceptado, c) hábitos e prácticas de utilización da lectura próprios do espazo bibliotecario. Que os tres aspectos pasen hogano por un proceso de revisión son tema próprio das institucións  científicas dos profesionais da biblioteconomía. Mais, para o caso, partindo de que é o servizo ao lector quen ocupa  a posición central na definición dos obxectivos da biblioteca pública (por diante do servizo ao libro)  cómpre irmos alén da evidencia de que a función das bibliotecas mudou radicalmente e non deixarnos seducir, de momento,  polo papanatismo cibernético, acrítico e descontextualizado que pensa que onde pon un computador pon a solución.  Facilitar o acceso a computadores conectados a internet ou convertir a biblioteca pública nun centro de documentación e de recursos  para á comunidade ou nun centro 3.0 é algo óbvio hoxe en día,   podendo servir  para unha biblioteca pública adecuada ao presente e serviren de base para o futuro.  Mais algúns dubidamos diso: non abonda co  cebo de ofrecer PCs e internet. Sabido é que para reunirse, acceder a internet ou para  informar a desempregados ou xubilados hai outras alternativas de servizo, xa que logo, cómpre non desleixar nen esquecer que a función social e cultural da biblioteca é o acceso á libro físico, a súa catalogación e conservación …e partires daquí o que se queira.  Estanse a perder librarias e o monopolio da venda e da dixitalización da cultura do libro (Google,etc) poñen en risco o sector editorial minorista de noso  moito máis do que as bibliotecas. E de momento, fronte aos dictames  apocalípticos e os integrados, seica ainda hai indicios de que  a xente sigue querendo ler en papel, cómpre axir con siso adecuando necesidades e recursos sen perder de vista a nosa contorna. O compromiso  fundamental da biblioteca pública galega coa nosa cultura en todas as súas formas de expresión (editoriais, selos discográficos,etc) é, de feito, a defensa afouta pola superviviencia dun dos poucos servizos públicos que garante o acceso igualitario á información e a cultura. Por tanto, tan perigoso é crear unha colección de libros só en función da demanda do público (córrese o risco de derivar a colección cara unha lectura de éxito, submetida ao impacto mediático e ao supremacismo do español fronte aos productos da cultura de noso) como problemático é reducir a oferta a unha función pedagóxica de acceso  ás grandes obras da cultura, derivando a colección cara unha cultura de elite. Entre medias, o papanatismo acrítico que percebe na internet a  resposta ás disparidades de acceso á cultura e ao coñecemento.  Xa que logo,  cómo reforzar e delimitar o espazo bibliotecario  e o servizo de lectura pública acorde ao impacto das novas tecnoloxías  (e-books,  a imposición de licenzas de un só uso que costan tres veces máis cá o libro en papel, etc) sen desvirtuar a función primeira da biblioteca comprando e ofrecendo aire?. O feito de  que Cedeira teña unha biblioteca dende finais dos setenta non significa que os mandatarios locais acrediten no papel da biblioteca na vila. A de Cedeira, por exemplo, sigue sen ser unha unidade de xestión que lle permita desenvolver os seus  fondos documentais con autonomía  e  carece de accesos axeitados a persoas con problemas de mobilidade. Por tanto, tanto a  xestión como a ubicación son un problema prévio non resolto.  Houbo oportunidade de mudar a súa ubicación a outra máis accesibel e condicionada no intre en que se crearon novos equipamentos (plantas superiores do Auditorio, por exemplo) con emprazamento e instalacións máis axeitadas  á maior densidade de poboación e aos novos usos e demandas (acceso a terminais de internet nunha contorna  no que destaca a fenda dixital, a baixa porcentaxe de accesos a internet dende os fogares e unha insuficiente alfabetización informacional).  Ainda que é condición  necesaria, coa extensión dos horarios ás veces non abonda (por qué non os domingos?): pola súa ubicación e invisibilización perante sectores importante de poboación, a biblioteca municipal non se percibe, por exemplo, como lugar no que ler o xornal porque non se fomenta nen está accesibel a un treito de poboación receptiva a este servizo, maiormente as persoas retiradas. Acontece, porén, que para moitos políticos a función da biblioteca redúcese a Internet, pensando que coa Rede todo o mundo pode saber de todo. Todos sabemos que na práctica non é así: facede unha pesquisa e veredes que, para alén das habelencias informacionais e culturais, os resultados non son sempre tan bos como pensabamos que serían (páxinas comerciais ou inútiles, informacións erradas, etc). Supoño que a estas alturas o señor concelleiro de Cultura xa debería saber que a información que fornece Internet non é necesariamente a millor. Hai formas alternativas, mesmo millores, de achar información. Depende, madía leva, tanto dos fondos bibliotecarios (actualización, subscricións,etc) como das competencias dos profesionais bibliotecarios e da consideración social que o biblioteario/a soubera ir labrando a base de compromiso coa realidade social, educativa, cultural e idiomática da contorna, a través de cursos de formación, clases para adultos, ALFIN (alfabetización informacional),  ou de galego para quen non o saiba ou quera milloralo, exposicións de fondos que axuden a visibilizar a biblioteca, clases para completar os estudos que se abandonaron, graduado escolar,  facer un curriculum, preencher un formulario, etc. Cousas básicas que axuden á xente a axir por si mesmos.    Se o que se precisa é un centro de recursos para a aprendizaxe a formación cómpre habilitar instalacións e  facelo de xeito estratéxico e programado e non como resultado da barafunda e  a  deturpación progresiva dos servizos bibliotecarios. Mália  a súa redución (sobre todo apartires do desenvolvimento do  PEGSI),  a  fenda dixital xunto coa dificil conciliación de traballo e familia teñen servido á progresiva colonización da biblioteca para usos non previstos que acabaron condicionar  a biblioteca como espazo para faceren os deberes os miúdos e non como espazo interxeracional, neutral e aberto a todo o mundo.  Iso é bó, máis non sempre, depende. Por qué? Depende da ubicación e da cantidade de espazo dispoñibel, das instalacións existentes, dos sistemas de seguridade, dos equipamentos e dos recursos humans, ao cabo,  de poder facerse cargo das expectativas xeneradas. Mais unha cousa, un servizo bibliotecario non ten porque ter unha única ubicación física, poderíanse habilitar puntos de lectura ou de servizo complementares distribuidos noutras instalacións  dentro dun sistema bibliotecario ou de lectura pública municipal, o fundamental tería sido aliñar obxectivos e programas  dende a área de cultura do Concello dicíndolle á xente: «preocupámosnos por vós, podedes vir a resolver as vosas necesidades á biblioteca».  Claro é para iso precísase vontade, visión, actitude e formación continuada dos profesionais. Hai algo que impida xerar ocupación, por exemplo, pagando a xoves ou adolescentes nativos dixitais para que aprendan aos nosos vellos ou máis xoves, como utilizar Internet e o web? Outras das actividades podería ser asumir plenamente o feito da colonización do espazo bibliotecario por nenos que saen da escola para alí facer os deberes ou que alí os deixan os pais como se fose unha extensión da escola ou unha gardería. Trataríase de habilitar programas de voluntariado ou de banco de tempo para axudar aos nenos cos seus deberes no canto de deixar que por desleixo  a biblioteca se convirta noutra cousa. Mais isto é o que estivo a acontecer, devir un contentor de miúdos cando a biblioteca non ten recursos para facelo. O resultado é unha biblioteca deturpada que non pode desenvolver outros servizos dirixidos a outras tipoloxías de usuario. O mesmo pode acontecer se a aula de informática acaba por colonizar o espazo e  os servizos bibliotecarios. Dispón a biblioteca de espazos e instalacións axeitadas para acoller unha aula de informática? Qué impacto terá a creación dunha aula de informática nunha Biblioteca como a López Cortón que xa conta con seis computadoras e que padece dunha endémica e estructural  falta de espazo para acoller as coleccións existentes  ( non hai depósito, os fondos expóñense ao acceso directo, dificultando o medre de fondos documentais). Un exemplo é a denominada zona infantil, colonizada por computadores que impiden o acceso aos andeis, con mobles  inadequados e pouco confortables, en fin, sen perspectivas de acondicionamento para o uso que se supón se lle ten que dar:  un acollimento confortabel que facilite  o tránsito á lectura dos miúdos e miúdas e   contribua a integrar aos nenos na cultura do país e non a crear estranos que non teñan contacto ningún con Fernández Paz, Marilar Alexandre ou Neira Vilas e  acaben lendo as novelas de Manuel Rivas ou de Marcos Calveiro na traducción castelán. A biblioteca terá de ir alén da biblioteca tradicional, antes citabamos actividades próprias das escolas e dos servizos sociais se hai recursos e vontade de facelo, mais cómpre advertir que a colaboración ou aliñamento de obxectivos  non debería servir a  invisibilización e encabalgamento de funcións e servizos. Unha biblioteca pública municipal non é unha biblioteca escolar nen unha aula de informática.  A instalación de computadores, o seu alugueiro ou empréstito, deberá axeitarse e aliñarse cos obxectivos, productos e servizos da biblioteca e non ao revés. Deberá ter presente se a área de adultos e a área infantil teñen condicións físicas para acollelos sen interferir no  acceso, confortabilidade e funcionamento. Os déficits  da biblioteca non se solucionan con máis computadores do mesmo xeito que os de educación non se solucionan só cunha avaliación  dos resultados dos alumnos. Todo é necesario mais non é suficiente. Non se pode continuar na tendencia a avaliarnos pola alcance das intencións e non polo resultados pedestres dos resultados.  Computadores sí, mais con siso e con equilibrio, que non chegue a  ser contraproducente, contribuindo con iso a que se ignore unha outra función da biblioteca pública como é coñecer a  cultura de seu e conservar a identidade própria."
Link: Ollaparo






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=2027