RÍO ARRIBA. Gelo do Moure
Fecha Viernes, 30 noviembre a las 17:39:21
Tema Colaboradores


RÍO ARRIBA

Había moitas chalanas
sempre no río da Vila,
unhas cheas de zarandas
outras ca rapeta en pila,
pero a que máis nos gustaba
era a que máis remos tiña.

Xogábamos ós piratas
no “famoso Condomiñas”,
con espadas dos tarais
de coraza a zapatilla,
para non levar na man,
pois doer moito doían.

Cando nos dábamos conta
tiñamo-la ponte encima,
e ó meternos nos seus ollos
parecía que caían,
pois berrábamos con forza
como se nos fose a vida
para aproveitar o eco,
que tanto nos divertía.

Alí estaba “O Lequeitio”
barco que fora algún día,
enriba de catro paus
na auga xa non vivía,
¡Agora era o retrete
de toda a chavalería¡

Seguíamos río arriba
ata chegar á Xunqueira,
en onde estaba o Ciruxo
traballando na madeira,
él era o número un
nesta Ría de Cedeira,
bonitos barcos facía
¡Carpinteiro de Ribeira¡.

Ó pasar o seu taller
estaba o “Pozo Redondo”,
que era o sitio preferido
para bañarnos en coiros,
algún cortaba unha cana
e practicaba o buceo,
era co que respirábanos
cando estaba o Río cheo.

Outros subíanse a unha árbore
para imitar a Tarzán,
colgada estaba a liana
xa de tempo ben atrás,
como tamén O Muiño,
que moía sen parar,
aqueles froitos da terra,
integrais a máis non dar.

Despois de tanto exercicio
entrábanos moita fame,
nas hortas dos Arrivís
había moitos manxares,
que collíamos prestados
de todalas maciñeiras,
ata que saía o dono
detrás de algunha silveira.

Entón remataba a historia
dese día na Xunqueira,
e voltaban os piratas
para a base de Cedeira,
sempre medio escalabrados
case sen os pantalóns,
pero todos ben de acordo
en repetir a incursión.

                              Gelo do Moure








Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=2018