Sentenza do TSXG: O galego terá que regresar á educación in
Fecha Viernes, 30 noviembre a las 17:38:45
Tema PHP-Nuke


O TSXG tomba o artigo do “Decretazo contra o galego” que supuxo o varrido do galego no 96% dos centros de infantil das cidades.


O Tribunal considera que debería outorgárselle ao galego “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable”.






Onte á tarde coñeceuse a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sobre o recurso contra o “decreto do plurilingüismo”, chamado polas comunidades educativas como “decretazo contra o galego”. A pesar de que son varias as demandas presentadas contra esta norma legal, o TSXG informa hoxe da realizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, xa que foi tamén a primeira en se interpor. Unha vez que o Tribunal considera que esta norma promulgada por Alberto Núñez Feijóo é “ilegal” nos seus aspectos fundamentais, o presidente da Mesa, Carlos Callón, considera que se “impón a derrogación total do decreto e que a Xunta retome o camiño da normalización lingüística”.





O TSXG admite que son contrarios a dereito dous dos artigos claves desta norma legal imposta polo PP contra o criterio de todos os sindicatos, todas as organizacións estudantís, todos os movementos de renovación pedagóxica e (excepto unha) todas as asociacións de nais e pais de Galiza. O aspecto fundamental desta resolución xudicial é que se tomba o artigo 5.2 do decreto, relativo á consulta en educación infantil. O TSXG afirma con contundencia que a Administración non pode “abdicar” das súas responsabilidades e que a elección de lingua no ensino fica “fóra” da “esfera de elección dos pais”. “Non cabe dúbida de que a dita abdicación da potestade de ordenación xeral do ensino ten lugar cando se establece que o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, reputando decisivo para determinala o resultado dunha pregunta que se lles efectuará aos pais, nais, titores/as ou representantes legais dos alumnos antes do comezo do curso escolar”, sinala o TSXG. Así, nestes momentos o 96% dos centros de educación infantil das cidades declaran que non utilizan o galego mercé a este artigo, mais a situación muda despois da resolución xudicial. Por iso desde A Mesa afirman con “enorme satisfacción” que “o galego terá que regresar á educación infantil das cidades”.


O TSXG tamén elimina o artigo 12.3 ao que cualifica como “ilegal”, xa que permitirlle “ao alumnado a utilización do castelán malia que sexa o galego a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo, contradí aquel mandato, xa que non facilita a adquisición da destreza esixida ao alumno na lingua propia desta Comunidade Autónoma desde o momento en que se lle permite que non fale ou escriba na lingua galega cando é esta a propia da área, materia ou módulo”. Hai que lembrar que o principio de que nas materias que se impartan en galego deba utilizarse a lingua galega foi un dos elementos centrais en que se centrou o PP para atacar o decreto de 2007. Porén, este principio que o TSXG considera o único admisíbel legalmente non estaba só no decreto de 2007, senón que figuraba tamén en toda a lexislación autonómica anterior, até que a Xunta presidida por Alberto Núñez Feijóo decidiu impor un principio que, ademais de ilegal, vai contra todo criterio pedagóxico.


Noutros aspectos do articulado do decreto, aínda que o Tribunal considera que o galego debería ter “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable” para garantir a igualdade entre os dous idiomas oficiais, avalía máis decisións políticas cuestionábeis outras das decisións adoptadas pola Xunta.

Fernando Igrexas Bouza

Responsábel da Mesa Pola Normalización Lingüística en Cedeira






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=2017