Paro biolóxico subvencionado para o percebe
Fecha Miércoles, 08 abril a las 19:26:46 Tema PHP-Nuke
As confrarías de pescadores da provincia da Coruña, Corme e Laxe
anunciaron hoxe que solicitarán un paro biolóxico subvencionado para o
percebe en toda Galicia, ante os problemas de crecemento e reprodución
que vén presentando nos últimos anos.
En declaracións a Efe, o patrón maior da Coruña, Manuel Cao, dixo que,
tras unha reunión celebrada o pasado día 27 de marzo en Santiago,
decidiron estudar esta medida debido ao gran descenso da súa produción,
así como solicitar un estudo á Consellería de Pesca sobre as causas
desta diminución.
Neste sentido, Cao explicou que o furtivismo segue sendo a "gran
secuela" para o sector, pero apuntou que nos últimos tempos o percebe
"non ten dureza ningunha, nin rende o que ten que render", aínda que
descoñece se se trata dun problema da calidade da auga, do propio
percebe ou do substrato da pedra, polo que considerou necesario o
estudo.
Respecto ao furtivismo, o patrón maior da Coruña informou de que
pedirán ao novo Goberno da Xunta que se penalice o furtivismo, que se cmpran integramente as sancións, e que as penas se conmuten por
traballos sociais.
Así mesmo, comunicou que mañá xoves 35 percebeiros farán garda na zona
da Torre de Hércules para evitar accións deste tipo, para o que contan
co apoio da Xunta e das forzas e corpos de seguridade do Estado.
Polo momento, dixo que secundan a proposta de paro as confrarías da
Coruña, Corme, Laxe, Cedeira, Ferrol, Muxía e Camelle, pero Manuel Cao
confía en que se vaian sumando máis, para o que manterá un encontro
informal o vindeiro sábado con máis patróns das confrarías afectadas.
Link: ECGONLine
|
|