Un ministerio con vistas a San Caetano
Fecha Martes, 07 abril a las 19:56:10
Tema PHP-Nuke


Hai agora un ano, destacados dirixentes do PSdeG daban por feito, en privado, que Xosé Blanco acabaría sendo ministro de Fomento. Daquela o escenario era substancialmente diferente do actual: José Luís Rodríguez Zapatero conseguía recuncar na Moncloa e o bipartito semellaba ter o camiño achanzado en Galiza para unha segunda lexislatura.

O núcleo duro dos socialistas galegos xa sabía que Ferraz tiña marcada a súa folla de ruta até finais de 2009. A estratexia das elites do PSOE era clara: Zapatero tiña por diante dous anos abafantes economicamente. Para iso, precisábase un primeiro executivo que afrontase a crise e outro, logo da queima, para xestionar a segunda parte do mandato. Nesta vaga de novos ministros entraría Xosé Blanco, que xa tiña sitio asignado: Fomento. O departamento era máis que gorentoso. O de Palas de Rei sería o encargado de inaugurar moitas infraestruturas cruciais para Galiza... e, como desexaban os seus máis próximos no PSdeG, colocábase nunha posición inmellorábel para ser o recambio de Touriño en 2013.

Mais nas follas de ruta é imposíbel calcular con exactitude todas as variábeis: ás veces os ventos cambian de intensidade sen previo aviso. No verán do ano pasado, Xosé Blanco enxergaba xa factores que podían alterar a ecuación anterior. A crise, moito máis dura do agardado, podía luír enormemente o executivo español e, no medio do rebumbio, un Goberno o galego que tiña que pasar polas urnas en medio dunha sarabiada de malos datos económicos.

E, a pesar de que Ferraz predicou “urbi et orbe” as bondades dun adianto electoral, Touriño quixo demostrar que en Galiza os pasos do PSdeG decidíanse dende Monte Pío. O presidente da Xunta e o seu gabinete máis próximo non eran alleos ao que se cocía nos cenáculos socialistas. En moitos destes, dábase por feito que Emilio Pérez Touriño tiña unha data de caducidade: oito anos. Despois del chegaba a hora de Xosé Blanco.

A folla de ruta só se adianta
Os pésimos datos de emprego e as poucas expectativas dunha recuperación a curto prazo puxeron contra ás cordas a Rodríguez Zapatero. O presidente español ve como se *****pren as peores predicións e como a súa popularidade cae vertixinosamente. Acosado polos medios de comunicación, incluso polos tradicionalmente máis próximos, decide adiantar a abril os cambios previstos para final de ano.

Aínda que a crise faga variar nos tempos os planos iniciais, a chegada de Xosé Blanco a un ministerio tan “vendíbel” como é o de Fomento fai alentar de novo os seus máis firmes partidarios en Galiza. Estes queren pensar que o barón do Carballiño, “Pachi” Vázquez, é só un paso necesario para substituír a Touriño e reforzar o partido cara ás autonómicas de 2013. Para daquela, o “bruxo de Palas” terá 51 anos, os mesmos que Alberto Núñez Feijoo. Tempo haberá para comprobar se desta vez os elementos varían a folla de ruta.

Link: VIONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=193