Concello - Enerxías alternativas
Fecha Miércoles, 30 mayo a las 09:52:35
Tema PHP-Nuke


Na súa aposta por incorporar o uso das enerxías alternativas aos edificios públicos, o Concello de Cedeira porá en marcha dous proxectos que se executarán no pavillón polideportivo e na escola infantil. O concelleiro de Urbanismo, Luís Rubido, explicou que no primeiro caso o Concello instalará paneis -uns 36- de enerxía solar térmica para producir a auga quente necesaria para a piscina climatizada. Desta forma reducirase considerablemente, un 30%, segundo as cifras que manexa o Concello, o consumo de gas propano que actualmente se emprega como combustible nas instalacións deportivas.

No caso da gardería municipal, a intervención consistirá na substitución da caldeira de gasóleo por outra de biomasa no edificio que alberga este servizo. Neste caso o aforro enerxético sitúase en torno ao 60%. Nesta intervención tamén se contempla unha posible ampliación das instalacións, de maneira que cando esta leve a cabo, a infraestrutura establecida garanta o servizo de calefacción sen necesidade de obras futuras.
O edil Luís Rubido sinalou que estas actuacións, orzadas en preto de 80.000 euros, financiaranse con cargo á subvención que o Concello de Cedeira recibirá da Xunta de Galicia ao amparo do Fondo de Compensación Ambiental. Un fondo que destina diñeiro a actuacións encamiñadas a impulsar a eficiencia enerxética ou o uso das enerxías renovables naqueles municipios afectados pola instalación de aeroxeradores ou liñas de conexión, como é o caso da vila. Ambos os proxectos, xa redactados e aprobados, están á espera de que se contraten as obras, tal e como avanzou Luís Rubido, cuxo prazo de execución é de tres meses.
Segundo sinalou o responsable de obras, a implantación paulatina das enerxías alternativas no día a día da administración local é un obxectivo estratéxico para o goberno de Leopoldo Rubido. A finalidade destas actuacións non é outra que a redución do gasto corrente que xera o consumo enerxético nas instalacións municipais, así como contribuír á conservación dos recursos naturais.
Nesta implicación por promover o uso das enerxías limpas, o Concello traballa, como xa se avanzou fai un mes, na organización dunha feira de enerxías renovables, que posiblemente, celebrarase o próximo mes de novembro no polígono industrial da Trabe. O obxectivo é lograr a presenza de firmas empresariais de todo o territorio nacional, que contarían cunha caseta propia, para dar a coñecer os equipos que comercializan e facilitar así a implantación de enerxías alternativas no ámbito doméstico.
De forma previa, a vila cedeirense acollerá un encontro de expertos na materia procedentes de toda España que terá lugar no Palacete Municipal no próximo mes de agosto co fin de intercambiar experiencias e puntos de vista.

Link: DFONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1929