Fractura entre UPG e "quintanistas"
Fecha Martes, 07 abril a las 17:09:33 Tema PHP-Nuke
O BNG segue en estado líquido. Esta é a mellor definición do que ocorre
no interior da principal organización nacionalista do país. Aínda que
se multiplican os contactos entre os diferentes sectores, a pouco máis
dun mes da Asemblea Nacional extraordinaria aínda non se pode dicir,
nin moito menos, que callara un acordo. Todas as posibilidades están
abertas. O día 10 de maio tanto podería haber unha candidatura unitaria
como tres diferentes.
Mais antes hai por diante un intenso
proceso preasembleario que vai resultar ben clarificador. O primeiro
asalto é a elección por comarcas dos 2.500 delegados que acudirán á
Asemblea Nacional. A gran pregunta é se “quintanistas” e UPG van
concorrer xuntos nas listas comarcais.
A UPG ponlle trabas a un posíbel liderado de Aymerich Segundo
puido saber Vieiros, o “quintanismo” quere nuclear en solitario
candidaturas comarcais de delegados que apoien o 10 de maio a Carlos Aymerich
como portavoz nacional. Fontes desta corrente confirmaron que cada vez
son máis as voces que piden que se midan as forzas coa UPG deste xeito.
Logo, en función dos resultados que se dean, estableceranse uns ou
outros pactos.
Precisamente, o Comité Central da UPG analizou
este luns a situación que se está a dar no BNG. Dentro deste partido
hai división de opinións. Mentres que uns apostan por manter a alianza
co “quintanismo” (nomeadamente históricos como Francisco Rodríguez ou Suárez Canal),
outros consideran que o partido ten que sacar músculo. Sexa como for,
contra o que afirman algúns medios, no seo da UPG hai reticencias a
unha fórmula que lle dea a portavocía nacional a Carlos Aymerich.
Os nomes xa están enriba da mesa Aínda
que xa se filtraron nomes como os de Suárez Canal, Francisco García,
Jorquera ou Fernando Blanco, dentro da estratexia da UPG hai un que
gaña forza sobre os anteriores e non é outro que o de Guillerme
Vázquez. Curiosamente, o médico e concelleiro pontevedrés coincidiu no
Congreso español co máximo responsábel da UPG, Francisco Rodríguez, e
co líder do “postquintanismo”, Carlos Aymerich. Contra o que moitos
pensan, Vázquez non ten carné da Unión do Povo, aínda que é certo que
como independente sempre estivo próximo ás teses deste partido.
Por último, o Encontro Irmandiño podería propoñer a Xosé Manuel Beiras
como portavoz nacional de transición. Consideran que a autoridade do
histórico líder do BNG propiciaría un cambio interno e están dispostos,
se non hai un acordo a tres bandas, a poñer enriba da mesa unha
candidatura ao Consello Nacional, esperando agrupar á base militante
máis descontenta co rumbo tomado polo Bloque nos últimos anos.
Calquera combinación é posíbel -Tres listas diferentes: A
UPG, os de Aymerich e os “irmandiños” medirían o seu peso real diante
dos 2.500 delegados. A continuación estableceríase un pacto para a
Executiva en función dos apoios recibidos. Neste escenario, os críticos
de Xosé Manuel Beiras precisarían contar co voto do 30% dos
compromisarios para poder entrar no máximo órgano de decisión do Bloque.
-Pacto entre UPG e “quintanistas”: Repetiríase
a alianza da Asemblea Nacional de 2006. Faltaría por saber como se
distriburían as responsabilidades nesa hipotética Executiva.
-Candidatura de consenso: Todas
as forzas coinciden en que sería a mellor solución para o BNG pero
agora mesmo a que semella máis improbábel. Nesta candidatura terían que
estar presentes todas as forzas que compoñen o BNG mais...cal é o peso
que ten que ter cada unha?
Link: VIONLine
|
|