Aymerich: o BNG necesita "un novo equipo" na executiva
Fecha Lunes, 06 abril a las 20:06:47 Tema PHP-Nuke
O portavoz do grupo parlamentario do BNG e membro da Executiva
Nacional en funcións, Carlos Aymerich, demanda que a nova etapa que
abrirá a formación nacionalista, tras a asemblea de maio, a dirixa "un
novo equipo" e recoñeceu que non comparte que o que foi líder do
Bloque, Xosé Manuel Beiras, retome as rendas da organización.
"O que ten que haber é un novo equipo de dirección e quen o integre
teremos que decidilo entre todos. Seguramente entre todos acertaremos",
expuxo Aymerich nunha entrevista concedida a Europa Press. "Non
comparto certas opinións", matizou -no entanto- preguntado polo feito
de que Beiras se postule para liderar o nacionalismo ata a asemblea de
2010.
Coa intención de continuar como portavoz parlamentario tras o
conclave extraordinario, Aymerich asegurou que o seu "nomeamento está a
expensas do que suceda", porque nel se escollerá unha nova dirección".
"Eu continuarei..., a intención en principio é de continuar, pero a
dirección que saia da asemblea algo terá que dicir", recalcou.
Será Aymerich quen interveña nos grandes debates da lexislatura,
segundo ratificou el mesmo, ao eliminarse a figura de presidente do
grupo parlamentario -que ocupou Anxo Quintana durante o pasado mandato-.
A pesar desta situación, o portavoz matizou que o máximo
representante do Bloque na Cámara non está chamado de forma "obrigada a
ser a mesma persoa" que o portavoz nacional do BNG. "O que si é
obrigado é que exista unha coordinación moi estreita entre esas
persoas", apostilou.
De escollerse un portavoz nacional na asemblea que non fose deputado
en VIII Lexislatura, Aymerich considerou que "sería lóxico que o
(máximo responsable) parlamentario participase nas liñas políticas" que
deseña a Executiva e Consello Nacional.
Así, preguntado sobre se lle suporía un problema ter que porse de
acordo con Beiras de ser este o portavoz que elixa a militancia para
dirixir o Bloque, Aymerich negouno. "Problemas non hai ningún, hai unha
dirección política que está no Consello Nacional e na Executiva, e
séguense as directrices que se determinen".
Na maior parte das preguntas acerca da asemblea de maio, Aymerich
acolleuse á fórmula "o que a militancia escolla" para evitar situarse
sobre o grao de renovación ou as persoas que deberían asumir as
responsabilidades para dirixir o futuro do Bloque.
Así mesmo, acerca de se estima que os cambios na dirección política
do BNG poden propiciar a renuncia dalgún dos integrantes do grupo
parlamentario, Aymerich garantiu que "non entra dentro da forma de
traballar do BNG esixir a ninguén que renuncie a nada". "O grupo
parlamentario é o que temos. Nada máis. É un grupo pensado para
traballar", exclamou para rexeitar que se deseñou pensando en que o
Bloque continuaría na Xunta.
En canto á elección de Anxo Quintana como membro da Mesa do
Parlamento (ocupará a Vicesecretaría), Aymerich defendeu que se tratou
dun "acordo da Executiva", pero non quixo confirmar se todos os membros
da dirección apoiaron a decisión adoptada.
A este respecto, e sobre se teme que a imaxe que levará a militancia
do Bloque é a de que Quintana quixo preservar certo status, o portavoz
nacionalista na Cámara mostrouse molesto co feito de que "parece que só
el (Quintana) disporá dun coche oficial".
"Eliximos a Quintana porque ten experiencia de Goberno e porque
pensamos que o pode facer e ben e vai ter un traballo importante no
Parlamento para representar os intereses do BNG na Mesa e garantir que
funcione respondendo a uns mínimos democráticos e de pluralismo",
aseverou. "O status non foi instituído para el", remachou.
Labor de oposición No Parlamento galego, os
nacionalistas estarán cos que foron os seus socios de goberno no pasado
mandato e con eles, Aymerich considerou que terán que "falar moito para
que as responsabilidades compartidas, cada un desde o seu proxecto, se
manteñan e se agranden nas municipais de 2011".
Preguntado por se teme que na Cámara galega os socialistas busquen
visualizar un bipartidismo e intenten erixirse na alternativa en
solitario fronte ao PPdeG, o portavoz do grupo apuntou que PSdeG "é
libre de facelo, pero non respondería á realidade" de Galicia.
"Eu son nacionalista galego e son do BNG e quero que esta sexa a
forza hexemónica de Galicia, pero sei que a curto prazo, de aquí a
catro anos, a alternativa é cousa de dous. Quen pense que pode
construír unha alternativa ao PP en solitario, tomaría unha decisión
que non parte dunha análise axustada", resolveu.
"As políticas do PPdeG van ser lesivas e os anuncios xa están sendo
percibidos negativamente por un espectro social moi amplo", xustificou
Aymerich en relación á manifestación ante o Pazo do Hórreo a favor da
lingua que se celebrou o día da constitución da Cámara e na que
estiveron representantes nacionalistas, como Francisco Rodríguez
-membro da dirección en funcións-. "O que lle toca ao BNG non é só
acompañar esas mobilizacións, senón tamén traer ao Parlamento esas
reivindicacións", agregou.
Aínda que concedeu o beneficio da dúbida ao PP ao afirmar que os
nacionalistas "verán o que propón" este partido, engadiu que "confianza
non teñen moita, porque os coñecen, e saben o que fixeron na pasada
lexislatura desde a oposición e cando gobernaron con maioría absoluta",
así como porque "teñen na memoria as mentiras en campaña". "Agora a
campaña pasou, pero o que non cambiou é o Partido Popular", rematou.
"O PP é o que é, e se cambia, benvido sexa! Pero se vai actuar como
sempre e as súas propostas van ser as de sempre, o BNG fará o que lle
toca, que é ser oposición e unha oposición moi dura", avisou.
Acerca das chamadas ao consenso realizadas polo PPdeG na xornada de
constitución do Parlamento, Aymerich dubidou de se a posición actual,
na que os 'populares' volverán ser os que sustenten o Goberno, Aymerich
dubidou de se iso favorecerá o regreso aos acordos en materia de
lingua. "Non sei se agora se poderá volver ao consenso. Nós sabemos
onde está ese consenso, que é no Plan de Normalización Lingüística e no
Decreto que regula o seu uso no ensino".
"No que temos que pornos de acordo é en se queremos impulsar o uso
da lingua, que é o patrimonio de todos. Pero os patrimonios hai que
coidalos e querelos, e non hai que deixar que se estraguen", advertiu.
Doutra banda, o portavoz nacionalista na Cámara explicou que os
eixos fundamentais do traballo na oposición serán a "defensa do país e
sectores máis afectados pola crise" por "ter enfronte un partido que
non destaca precisamente pola súa sensibilidade social", en referencia
ao PP. Do mesmo xeito, a defensa da "conquista enerxética" e a dos
"pequenos avances dados en materia lingüística" constituirán outro dos
aspectos que centrarán o seu labor parlamentario. Link: XORONLine
|
|