Os traballadores e traballadoras do servizo de recollida de lixo do
Concello de Cedeira, adxudicado á empresa CeltaPrix, desenvolveron unha
concentración na mañá deste martes en demanda o pagamento dos salarios
do mes de xaneiro. Por parte da institución local comprometéronse a
mediar coa concesionaria para que abone as nóminas esta mesma semana
© 2012 - CIG
Durante o acto de protesta, explica Rocío Doce, da CIG-Servizos
de Ferrol, unha representación do persoal mantivo unha reunión cos
responsábeis municipais, a quen informaron do impagamento das nóminas
por parte da empresa. Dende o Concello indicaron que van mediar coa
concesionaria do servizo para que realice de xeito inmediato o abono dos
salarios, pois nunha das cláusulas do prego de contratación recóllese
como incumprimento grave o impago dos mesmos. No caso de que
CeltaPrix continúe sen abonar as contías, dende o Concello sinalaron que
están dispostos a presionar a empresa coa rescisión da contrata e
facerse cargo dos traballadores e traballadoras. Así mesmo, puntualiza
Rocío Doce, os responsábeis municipais informaron do próximo pago dunha
factura á empresa baixo a condición de que eses cartos irán destinados a
pagar ao persoal. Neste senso, Doce destaca que cando a
representación sindical se puxo en contacto co responsábel de CeltaPrix
para coñecer os motivos deste atraso, “a única resposta nos deu foi que o
contable non responde as súas chamadas”. O venres 18 haberá unha
asemblea de traballadores/as ás 12:30 para comprobar se efectivamente
se realizaron os pagos. “De non ser así, advirten dende a CIG-Servizos,
elaborarase un calendario de mobilizacións, no que non se descarta a
convocatoria d unha folga”.
Link: CIGONLine