
Reserva mariña
Fecha Viernes, 03 abril a las 12:08:14 Tema PHP-Nuke
A sede da Confraría de Pescadores de Cedeira acolleu esta tarde a
xuntanza de constitución do Órgano de Xestión, Seguimento e Control da
Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Ría de Cedeira, impulsada pola
Consellería de Pesca e o pósito cedeirense en augas interiores da
Comunidade Autónoma de Galicia. A reunión estivo presidida polo
director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, e tamén
contou coa participación do patrón maior, Agustín Pérez Pernas.
No encontro acordouse que o Órgano de Xestión, Seguimento e Control
da reserva mariña Ría de Cedeira estará formado por catro
representantes do sector pesqueiro (un designado pola Federación Galega
de Confrarías e tres pertencentes ao pósito cedeirense) e catro
integrantes en representación da Administración autonómica (un da
Consellería de Medio Ambiente e tres da Consellería de Pesca).
Así mesmo, na xuntanza celebrada esta tarde abordáronse outras
cuestións vencelladas á posta en marcha desta área protexida, cuxa
andaina comezou o pasado 29 de xaneiro coa aprobación, por parte do
Consello da Xunta, do decreto para a súa creación. Deste xeito, entre
os temas tratados figuran a comunicación ao Instituto Hidrográfico de
la Marina das coordenadas da reserva para a súa inclusión nas cartas
mariñas; a necesidade de elaboración da orde de uso e xestión deste
espazo protexido, que recibiu o visto bo do Órgano; e a súa adhesión á
Red Iberoamericana de Reservas Marinas, dependente do Ministerio de
Medio Ambiente y Medio Rural y Marino.
Deste xeito, a reserva mariña de Cedeira segue os mesmos pasos que a
de Lira en canto á participación na Red Iberoamericana de Reservas
Marinas, o que lle permitirá cooperar no desenvolvemento e
fortalecemento dos espazos mariños protexidos no marco dun crecemento
pesqueiro sustentable das poboacións locais. Ademais, a súa inclusión
neste organismo servirá para intercambiar permanentemente información
sobre estas áreas co fin de mellorar a súa xestión, desenvolver
proxectos comúns que promovan os vínculos entre as zonas integrantes da
rede e transferir a experiencia e coñecemento adquiridos, entre outras
actuacións.
Reserva mariña
O Goberno galego aprobou o pasado 29 de xaneiro o decreto para a
creación da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Ría de Cedeira, unha
zona de especial interese para a preservación e rexeneración dos
recursos mariños pola súa condición de área de reprodución, desova,
cría ou engorda de especies pesqueiras ou marisqueiras. Coa posta en
marcha deste área, a segunda de Galicia, dase continuidade á aposta do
Goberno galego por este modelo de xestión, iniciado en 2007 coa Reserva
Mariña de Lira e baseado no respecto ao medio ambiente, o
desenvolvemento sustentable e o principio de corresponsabilidade
sector-administración na explotación dos recursos.
Os fins perseguidos por Pesca e a confraría de Cedeira con esta
iniciativa, que segue a liña dos obxectivos definidos polo Fondo
Europeo da Pesca, son, entre outros, conservar e protexer a flora e a
fauna mariñas e a súa diversidade; fomentar a sensibilización ambiental
sobre o medio mariño; facilitar a rexeneración dos recursos; e impulsar
a pesca artesanal e o marisqueo. Ademais, quérese favorecer a
realización de estudos científicos sobre as distintas especies, así
como medidas de protección e xestión das pesquerías; divulgar os
valores ambientais da costa galega; e posibilitar o desenvolvemento e
aplicación de modelos de xestión coa participación dos profesionais do
mar.
A área de interese pesqueiro da reserva mariña Ría de Cedeira
recolle dúas zonas de especial protección (a ZEP I-Vilarrube e a ZEP
II-Boca da ría) e a reserva integral de Esteiro. As actividades
permitidas dentro da reserva mariña e por fóra das zonas especiais son
a pesca marítima profesional coas artes e aparellos tradicionalmente
empregados na zona (anzois, nasas e enmalle); a recollida de ourizo,
percebe, navalla e longueirón ou outros recursos específicos incluídos
no Plan de Xestión Integral que se porá en marcha; o marisqueo a pé e a
recolla de algas; e a recolección de mexilla que só se poderá levar a
cabo mediante acordo entre as confrarías de pescadores do ámbito da
reserva e os concesionarios de bateas ou liñas de cultivo. Así mesmo,
será posible facer mostraxes da flora e a fauna mariñas con fins
científicos ou de seguimento da reserva; a pesca marítima de recreo en
superficie; e o mergullo de lecer nas condicións regulamentariamente
establecidas.
Pola súa banda, na reserva integral de Esteiro estarán prohibidas a
pesca marítima, a extracción de fauna e flora e as actividades
subacuáticas, coa excepción das actividades e toma de mostras
autorizadas expresamente con fins científicos ou de seguimento.
Ademais, nas dúas zonas de especial protección poderase practicar a
pesca con artes de enmalle nas modalidades tradicionalmente empregadas,
mentres que na ZEP II-Boca da ría tamén estará permitida a extracción
de percebe e o mergullo de lecer. Nestas dúas áreas tamén será posible
levar a cabo tomas de mostras con permiso. Link: XONLine
|
|